Teresa Gutiérrez interveu hoxe na Comisión 2ª da Cámara autonómica

A directora de Augas de Galicia informa no Parlamento da sanción a Endesa de case 1,9 M€ polo episodio de turbidez no río Eume do verán pasado

Sinala que a sanción á concesionaria do encoro do Eume deriva, entre outras causas, do incumprimento das condicións do réxime de explotación, ao descender a cota por debaixo do mínimo aprobado

Precisa que a empresa tamén desatendeu o requirimento de seguridade efectuado por Augas de Galicia o 8 de agosto

Exíxelle, ademais, á concesionaria do encoro os custos derivados dos danos ao dominio público hidráulico

Remarca que a Xunta realiza un seguimento continuo no encoro a partir de analíticas de parámetros químicos, fisicoquímicos e biolóxicos das masas de auga

Indica que Augas de Galicia dispón da Rede Oficial de Aforos de ríos, que no caso do Eume inclúe dúas estacións que transmiten en tempo real o nivel cada dez minutos

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou hoxe no Parlamento de Galicia da sanción a Endesa, por importe de case 1,9 millóns de euros, polo episodio de turbidez que tivo lugar o pasado verán no río Eume.

Teresa Gutiérrez interveu hoxe na Comisión 2ª da Cámara galega, onde abordou a aprobación esta semana, no Consello Reitor de Augas de Galicia, desta proposta de resolución sancionadora, froito dun procedemento iniciado en outubro do ano pasado.

Explicou que esta resolución é consecuencia do incumprimento das condicións do réxime de explotación por parte da empresa concesionaria do encoro do Eume e pola desatención dos requirimentos efectuados desde Augas de Galicia.

Detallou que este encoro ten unha cota máxima e mínima de explotación de 318 e 306 metros sobre o nivel do mar, respectivamente, aprobada nas Comisións de Desaugamento da zona Norte de Augas de Galicia. Non obstante, indicou que Endesa, a partir do 27 de xullo de 2020 descendeu a cota por debaixo do mínimo aprobado.

Ademais, precisou que a empresa desatendeu o requirimento de seguridade que efectuou Augas de Galicia o 8 de agosto para que cumpriran co réxime de explotación, garantindo en todo caso o mantemento do caudal ecolóxico fixado para as augas abaixo da presa.

Lembrou que Endesa, a pesar das anteriores advertencias, proseguiu o baleirado ata o 28 de agosto, data na que decide paralizar o proceso ao apreciar a aparición de turbidez nas augas. Sinalou que estes feitos constitúen infraccións tipificadas no artigo 85 da Lei de augas de Galicia.

Exíxelle ademais á concesionaria do encoro os custos derivados dos danos ao dominio público hidráulico.

Seguimento continuo

A directora remarcou que a Xunta vén realizando un seguimento continuo no encoro que consiste na toma de mostraxes e analíticas de parámetros químicos, fisicoquímicos e biolóxicos das masas de augas.

Puntualizou que no río Eume existen 3 puntos de control, un augas arriba do encoro e dous augas abaixo do mesmo, nos que tamén se fan controis rutineiros segundo o establecido na lexislación.

Para efectuar este control, Augas de Galicia segue distintos tipos de programas de seguimento que versan sobre a vixilancia en ríos, en encoros e en captacións de augas destinadas a consumo humano.

Ademais, lembrou que Augas de Galicia dispón da Rede Oficial de Aforos de ríos, que no caso da zona do Eume, dispón de dúas estacións que transmiten en tempo real o nivel cada dez minutos, o que permite facer un seguimento continuo do caudal circulante.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2021