Feijóo avanza as demandas que Galicia levará ao Consello Interterritorial para resolver o déficit de especialistas en Atención Primaria

Destaca que son catro: máis especialistas, unha convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia, a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias e a eliminación da taxa de reposición

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe as demandas que Galicia levará ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrará o vindeiro 30 de setembro para resolver o déficit en Atención Primaria.

“Son catro: máis especialistas, unha convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia, a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias e a eliminación da taxa de reposición”, destacou Feijóo.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que para ter máis especialistas Galicia aposta por unha revisión dos criterios de acreditación de prazas de formación para a especialidade de medicina familiar e comunitaria. Para acadar isto sería necesario: manter de xeito permanente o sistema de solicitude de acreditación de prazas; introducir a declaración responsable na acreditación de unidades docentes; revisar os requisitos de acreditación dos centros e dispositivos para facilitar as rotacións por centros de saúde rurais ou hospitais comarcais; revisar os requisitos de acreditación de titores, e reformular o MIR de medicina familiar e comunitaria para aumentar o tempo de presenza na Primaria

“Tamén pedimos unha convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia e a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias”, destacou Feijóo. E, ademais, o presidente da Xunta insistiu na petición de eliminar a taxa de reposición, que permitiría consolidar a situación de milleiros de sanitarios.

Por outra banda, Feijóo incidiu en que Galicia fixo grandes avances no eido da planificación coa aprobación e execución do Plan galego de Atención Primaria 2019-2021, a elaboración do documento Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde e plans específicos como a Estratexia galega para a atención de persoas en situación de cronicidade ou o Plan de saúde mental.

No referido aos recursos orzamentarios, o presidente da Xunta detallou que “a Atención Primaria incrementou un 15% o seu presuposto desde o ano 2018” e engadiu que “estamos investindo nos últimos tres anos 45 millóns de euros na construción de infraestrutura de Atención Primaria”.

Así mesmo, nestes tres últimos anos, a Xunta está a realizar unha renovación das infraestruturas da Primaria coa posta en marcha de 9 centros de saúde, a execución de 18 reformas e “agora mesmo estamos construíndo 15 máis”, explicou Feijóo.

Galicia tamén executou melloras organizativas con incidencia na calidade asistencial como o sistema TELEA, a ampliación de solicitudes de probas desde Primaria ou a implantación da consulta telefónica, da videoconsulta e da interconsulta entre profesionais da Primaria e especialistas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2021