Feijóo salienta que en 2020 Galicia gastou todo o necesario para loitar contra a pandemia e mantivo o seu compromiso coa estabilidade orzamentaria

“O documento recolle tamén que Galicia liderou un ano máis o esforzo investidor de toda España”, di

Destaca que a Xunta foi tamén un ano máis, a administración autonómica máis áxil no pagamento dos provedores, pagando nunha media de 18,7 días

Salienta que Galicia é desde 2008 a autonomía con menor aumento de volume de débeda

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que en 2020 Galicia gastou todo o necesario para loitar contra a pandemia e mantivo o seu compromiso coa estabilidade orzamentaria.

Segundo explicou Feijóo, a conta xeral da Comunidade do exercicio 2020, aprobada hoxe no Consello, mostra que o pasado ano a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 102,1%; un indicador que é aínda maior no gasto corrente -do 105,8%- que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e o gasto do eido dos servizos sociais.

Así mesmo, a conta xeral de 2020 reflicte que a comunidade acadou un aforro bruto de 1.043 millóns de euros, o que permitiu incrementar o grao de investimentos sen recorrer ao endebedamento.

“E o documento recolle tamén que Galicia liderou un ano máis o esforzo investidor de toda España”, dixo, subliñando que somos a autonomía con maior peso dos investimentos sobre o total do gasto non financeiro, cun 13,5%, case o dobre que a media, que foi do 7,2%.

Por outra banda, a Xunta foi tamén un ano máis, a administración autonómica máis áxil no pagamento dos provedores, pagando nunha media de 18,7 días, é dicir, a metade de tempo que o conxunto de comunidades, que se situou nos 34,5 días.

Cómpre salientar que a comunidade galega liquidou o pasado exercicio cun déficit do 0,1% do PIB e cun diferencial de débeda coa media autonómica, de 7,2 puntos. De feito, foi a terceira CC.AA de réxime común con menor endebedamento, cun 19,9% de ratio débeda/PIB, fronte ao 27,1% da media.

Desde 2008, Galicia é a autonomía con menor aumento de volume de débeda, e esta redución da ratio de débeda nos últimos exercicios fai que estea nunha mellor posición financeira para responder ás esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e para impulsar a reactivación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2021