A Xunta celebra esta tarde unha xornada informativa con veciños e técnicos municipais sobre o Plan de emerxencias da presa de Caldas de Reis

Representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e técnicos de Augas de Galicia explicarán o contido e as medidas previstas para facer fronte a unha eventual situación de alerta

Os técnicos da entidade hidráulica da Xunta, como responsables de operación da presa, realizarán a presentación do Plan de emerxencia, deseñado ad hoc para minimizar os riscos derivados das inundacións para este tipo de instalacións

Estes plans establecen a organización dos recursos necesarios para o control dos factores de risco, os sistemas de información, alerta e alarma para a protección da poboación co fin de que as persoas potencialmente afectadas adopten as medidas de autoprotección necesarias

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta celebra esta tarde unha xornada informativa con veciños e técnicos municipais sobre o Plan de emerxencias da presa de Caldas de Reis.

No encontro, que terá lugar ás 19 horas no Auditorio da vila, representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e técnicos de Augas de Galicia explicarán o contido e as medidas previstas para facer fronte a unha eventual situación de alerta.

Os técnicos da entidade hidráulica da Xunta, como responsables de operación da presa de Caldas de Reis, realizarán a presentación do Plan de Emerxencia, deseñado ad hoc para minimizar os riscos derivados das inundacións para este tipo de instalacións.

Os Plans de Emerxencia de Presas establecen a organización dos recursos humanos e materiais necesarios para o control dos factores de risco que poidan comprometer a seguridade da presa.

Así mesmo, establecen os sistemas de información, alerta e alarma dos servizos e recursos que haxan de intervir para a protección da poboación en caso de rotura ou avaría grave da presa, e posibilita o que a poboación potencialmente afectada adopte as medidas de autoprotección necesarias.

Cómpre lembrar que as presas poden minimizar os efectos das inundacións mediante a laminación das avenidas, e a súa acción é esencialmente beneficiosa. Pese a que o risco de rotura dunha presa é practicamente inexistente, estas infraestruturas contan con plans de emerxencia altamente eficaces e están preparadas ante esa eventual situación.