O conselleiro do Medio Rural asinou hoxe o convenio que busca contribuír ao desenvolvemento forestal de Galicia incidindo na mellora xenética das coníferas

A Xunta e a Fundación Arume destina máis de 200.000 euros a impulsar a produción de material xenético de piñeiro de calidade para abastecer a industria galega

Potenciarase a investigación cun papel clave do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, mentres na fase de produción de plantas melloradas se apostará polo labor da Fundación Arume e pola coordinación entre distintos viveiros galegos

A maiores, divulgaranse as vantaxes que ten o uso deste material entre os titulares, xestores e empresas de servizos e de aproveitamento de madeira, ademais de concienciar sobre a importancia das repoboacións forestais

A Consellería do Medio Rural porá a disposición terreos para que se leven a cabo iniciativas de mitigación do cambio climático en montes de xestión pública e en parcelas forestais onde se implementen instrumentos da Lei de recuperación da terra

Mentres, a Fundación Arume será o punto de contacto para aquelas entidades que desexen realizar esas accións de mitigación nos montes galegos durante a vixencia do acordo, que se prolongará ata o final de 2022

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de asinar un convenio de colaboración co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e co presidente do padroado da Fundación Arume, José Carballo, para contribuír ao desenvolvemento forestal de Galicia. No acto, no que tamén estivo presente o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, deuse así o primeiro paso para fomentar a produción e a comercialización de material xenético de alta calidade (plantas e sementes), especialmente do piñeiro.

O convenio -que se subscribe despois de que a Fundación Arume fose declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia e, polo tanto, adscrita ao protectorado da Consellería do Medio Rural- comporta un orzamento de 200.000 euros, dos que o Goberno galego aportará máis de 140.000 euros e as instalacións e o persoal investigador do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que estarán totalmente implicados no correcto desenvolvemento das liñas de investigación en Pinus pinaster e Pinus radiata. Co acordo, perséguese apoiar o sector forestal da nosa comunidade dun xeito sustentable, a través de catro accións concretas, que se desenvolverán deica o 31 de decembro de 2022.

Así, primeiramente, reforzaranse as liñas de investigación en materia de mellora xenética forestal, en especial das especies coníferas máis demandadas pola industria galega. Nesa liña, contratarase un investigador para reforzar o equipo que se dedica a esta materia no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e convidarase a persoal científico de ámbito internacional a realizar unha estancia na nosa comunidade dedicada á formación de investigadores e á divulgación de técnicas de mellora xenética avanzada.

Ao abeiro da segunda acción, porase en marcha un programa de produción vexetativa forestal das principais especies de piñeiro para o incremento deste material entre os titulares, xestores e empresas de servizos e de aproveitamento de madeira de Galicia. En concreto, o convenio promoverá traballos de embrioxénese somática (transformación dunha soa célula nun individuo multicelular máis complexo no seo da semente), mentres se apostará pola coordinación entre viveiros galegos para desenvolver técnicas de estaquillado (emprego dun anaco de talo, dunha folla ou dunha raíz para multiplicar as plantas).

No marco do terceiro apartado, a Fundación Arume será o punto de contacto para aquelas organizacións, asociacións ou empresas que desexen realizar accións de mitigación do cambio climático a través de actuacións forestais en montes de Galicia. Neste senso, cabe lembrar que esta fundación engloba unha parte moi significativa do sector forestal, integrando axentes de toda a cadea de valor do sector forestal da nosa comunidade. Nesa dirección, a Consellería do Medio Rural favorecerá e impulsará a posta a disposición de terreos para levar a cabo esas iniciativas en montes de xestión pública, así como en parcelas forestais obxecto de desenvolvemento dos instrumentos contemplados na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Por último, o convenio de colaboración contempla a celebración de cursos, seminarios ou obradoiros de traballo para divulgar as vantaxes económicas e medioambientais que comporta o uso de material xenético de piñeiro mellorado entre os titulares, xestores e empresas de servizos e de aproveitamento de madeira. Así mesmo, prevese a edición de folletos e a incorporación de información ao respecto nas páxinas web tanto da Fundación Arume, como da Consellería do Medio Rural.

Plan forestal de Galicia 2021-2040

Este convenio camiña cara o que persegue o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Así, a mellora xenética das distintas especies forestais da nosa comunidade é un dos principais obxectivos do citado plan, que procura un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques, con especial atención a políticas de conservación in situ dos recursos xenéticos, complementadas con accións de conservación ex situ. En concreto, ao abeiro deste Plan prevese a posta en marcha dun Programa de conservación de recursos xenéticos que abranguerá, deica o ano 2040, 15.000 hectáreas de superficie.

Así mesmo, en relación ás coníferas e especialmente ao piñeiro, o Plan Forestal tamén contempla fomentar mediante liñas de axuda as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética destas especies, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas árbores en 20.000 ha no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o 2040 e irase incrementando o volume de cortas con destino a serra ou usos estruturais ata un 75% nese tempo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 24/09/2021