A Xunta anuncia a súa colaboración coas xornadas marisqueiras de Emgrobes para a promoción dos produtos do mar e a dinamización turística do Grove

O delegado territorial, Luis López, garante o apoio económico do Goberno galego á iniciativa da Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos nunha reunión celebrada no edificio administrativo de Campolongo

O programa desenvolverase do 1 ao 17 de outubro e consistirá en actividades como concertos, paseos en barco, roteiros, visitas ao museo, a lonxa e o acuario ou xornadas gastronómicas, entre outras

“A Xunta demostrou o seu gran apoio ao sector turístico e hostaleiro nestes tempos tan complexos e loxicamente vai respaldar a cita do Grove co marisco impulsada por Emgrobes pola súa importancia para a economía do municipio e do Salnés”, explica
 

Pontevedra, 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vai colaborar e apoiar as Xornadas Marisqueiras impulsadas pola Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) para favorecer a promoción dos produtos do mar e a dinamización turística do municipio do Grove e de toda a bisbarra do Salnés, segundo anunciou esta mañá o delegado territorial, Luis López, tras manter unha reunión cos representantes deste colectivo económico no edificio administrativo de Campolongo.

“A cita do Grove co marisco no mes de outubro é unha tradición e unha data sinalada para moitos galegos e visitantes, polo que ten un peso moi importante na socioeconomía do concello e da bisbarra do Salnés e é preciso apoiala, especialmente nun momento fundamental xa que estamos inmersos na reactivación tras a parte máis dura da pandemia”, explicou o representante autonómico.

Luis López, que agradeceu o esforzo de Emgrobes para sacar adiante estas Xornadas Marisqueiras, garantíu o apoio económico da Xunta, que se concretará con exactitude nas vindeiras datas, e animou a unha colaboración ampla de administracións, entidades e negocios, “xa que é unha época clave para confirmar a reactivación tras un verán bo”.

“A Xunta demostrou durante todos estes meses o seu gran apoio ao sector turístico e hostaleiro con plans de rescate e numerosas medidas e loxicamente vai seguir nesta liña en xeral ata que se alcance un rendemento pleno. Nesa orde de cousas, é lóxico o respaldo á cita do Grove co marisco porque ten moito peso na economía do municipio e de toda a bisbarra do Salnés”, explicou o delegado territorial.

A asociación Emgrobes informoulle do programa, que se prolongará do 1 ao 17 de outubro, concentrándose principalmente nas tres fins de semana e con especial incidencia na da ponte do 12 de outubro. A entidade vai promover numerosas actividades para animar a que a xente vaia ao Grove e centrará as mesmas en visitas á lonxa, paseos en barco, exposicións, percorridos polo museo e o acuario, xornadas gastronómicas, concertos e roteiros, entre outras. Deste xeito, a degustación do marisco e dos produtos do mar deixarase en mans dos restaurantes e hoteis.

“Agardamos que a cita poida saír adiante de xeito completo, co programa deseñado por Emgrobes, xa que cremos que pode atraer a milleiros de persoas ata O Grove para gozar do marisco de xeito seguro. Por parte da Xunta non vai quedar e imos prestar unha achega importante pola súa importancia económica e social”, concluíu Luis López.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021