O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou na apertura da 14ª promoción deste programa

A Xunta apoia a detección do talento matemático a través do programa ESTALMAT-Galicia

Román Rodríguez desta esta iniciativa como “a mellor oportunidade para afondar nas vocacións STEM para os alumnos aos que vos gustan as ciencias”

Nesta nova edición participan 30 alumnos de 12, 13 e 14 anos, que realizarán diversas actividades de estímulo, entre elas un campamento matemático que comeza hoxe
 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de inauguración da 14ª promoción do programa ESTALMAT-Galicia, un programa que sinalou como “a mellor oportunidade posible para aqueles alumnos que queredes afondar na vosa vocación matemática, que vos gustan as ciencias e queredes seguir descubrindo máis neste eido que tantos retos vos propón”.

Nun acto celebrado na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a importancia das competencias STEM e da matemática, “unha disciplina cada vez máis fundamental en todos os sectores produtivos, incluíndo a economía, a cultura ou mesmo a sanidade”.

Neste sentido, animou os participantes a gozar da experiencia, “actuando con responsabilidade, con visión de conxunto e pensando en cada día ser mellores”. “Tedes antes vós algúns dos meses máis apaixonantes das vosas vidas”, rematou.

No acto de apertura, ademais do conselleiro, participou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e a decana da Facultade de Matemáticas e Presidenta do Programa, a profesora Elena Vázquez Cendón.

Estímulo do talento

ESTALMAT-Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, entre outras institucións, e é un programa avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España. O seu obxectivo é estimular o talento matemático en rapaces, nesta promoción 10 alumnas e 20 alumnos 12, 13 e 14 anos.

A primeira das actividades desta edición consiste nun campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella, en Vilarmaior, que supón unha toma de contacto entre os participantes nun ambiente lúdico-matemático.

Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados de cada un dos dous vindeiros cursos académicos. ESTALMAT-Galicia mantén tamén o programa ESTALMAT PI, dirixido a manter o contacto un ano mais con actividades impartidas en 12 sábados do curso. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nos círculos normais do ensino e da familia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/09/2021