O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou en Santander na presentación do Clúster da Eólica Offshore entre Asturias, Cantabria e Galicia

A participación de Galicia no Clúster da Eólica Mariña permitirá posicionar o norte de España como referente internacional do sector

Acompañando aos gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, participan nesta iniciativa o Consorcio Tecnolóxico da Enerxía de Asturias, o Clúster Sea of Innovation de Cantabria e Asime, a través do Galician Offshore Energy Group

O vicepresidente económico da Xunta indica que se trata de traballar conxuntamente no desenvolvemento de proxectos de demostración, no impulso comercial desta tecnoloxía renovable e na consolidación dunha cadea de valor propia con proxección internacional

“Hoxe convócanos aquí unha visión compartida da industria e da transición enerxética”, asegura Conde, que destaca o valor da colaboración público-privada para afrontar o proceso de transformación económica, dixital e sustentable

Avoga por buscar o consenso, defendendo que o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable só será posible desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño

Santander, 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación do novo Clúster da Eólica Offshore que, segundo dixo, permitirá a Galicia, Asturias e Cantabria desenvolver unha estratexia compartida para posicionarse como referente internacional neste sector.

Acompañando aos conselleiros de Industria dos gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, participan nesta iniciativa tres socios industriais que representan máis de 200 empresas con actividade e experiencia no sector: o Consorcio Tecnolóxico da Enerxía de Asturias,
o Clúster Sea of Innovation de Cantabria e Asime, a través do Galician Offshore Energy Group.

Conde explicou que se trata de impulsar a posta en marcha de proxectos de colaboración que contribúan a consolidar no norte de España un polo industrial de referencia en eólica mariña, tanto no desenvolvemento de proxectos de demostración, como no impulso comercial desta tecnoloxía renovable e para a consolidación dunha cadea de valor propia con proxección internacional. “Hoxe nos convoca aquí unha visión compartida da industria e da transición enerxética”, dixo Conde, para destacar “o valor da colaboración público-privada como a fórmula para afrontar o proceso de transformación económica, dixital e sustentable no que estamos inmersos”.

Apelou, así, á importancia de crear sinerxías. Por iso, entre os cometidos deste novo clúster, ademais de favorecer a colaboración entre os diferentes axentes do sector, estará o de promover unha comunicación e colaboración fluída co Goberno central para facilitar o desenvolvemento desta industria en España.

Traballar desde o consenso

Nese sentido, o vicepresidente económico avogou por traballar desde o consenso para que a industria poida atopar neste contexto de transición ecolóxica unha oportunidade para a sustentabilidade, a competitividade e o desenvolvemento de novos proxectos. Segundo dixo, hai que procurar o máximo acordo e coordinación a todos os niveis para que, efectivamente, a transición cara a un modelo máis sustentable sexa xusta.

Conde asegurou que os fondos europeos Next Generation proporcionan o marco máis acaído para redobrar a aposta polas enerxías renovables desde a transparencia, a coherencia e o sentido común. E, nese contexto, recoñeceu que a implantación da eólica mariña debe facerse previa consulta cos sectores e axentes implicados e sempre velando pola compatibilidade e o equilibrio entre desenvolvemento industrial e respecto ao medio ambiente.

Para Galicia, dixo, non existe outra prioridade que non sexa garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño. E proba dese compromiso é o Observatorio de Eólica Mariña que se puxo en marcha en Galicia e que supón un punto de encontro de todos os axentes desta industria onde identificar oportunidades e acordar os pasos a dar.

Industria electrointensiva

O vicepresidente concluíu salientando a necesidade de traballar desde a unidade porque Galicia, Asturias e Cantabria teñen máis proxectos que defender en común, como así o están a facer ao pedir o corredor verde do norte para impulsar a mobilidade sustentable na cornixa cantábrica ou reclamar ao Goberno medidas adicionais para a industria electrointensiva.

“Temos que seguir traballando e identificando aquelas cuestións nas cales podemos sumar, xerar valor e compartir esa pegada industrial que hai que impulsar para consolidar a noso tecido produtivo e o emprego”, abondou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021