O Vilablues de Noia estréase como festival da marca Fest Galicia da Xunta nunha edición con estrelas internacionais do xénero

Ademais deste patrocinio, o evento conta coa axuda da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da convocatoria de subvencións a festivais profesionais de música

Desenvólvese do 1 ao 3 de outubro con figuras como o xamaicano Roy Ellis ou os estadounidenses Tail Dragger ou Shanna Waterstown, así como cunha importante representación galega e a homenaxe a Narf
 

Noia (A Coruña), 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Vilablues Fest presentou hoxe o cartel da súa quinta edición, que terá lugar na fin de semana do 1 ao 3 de outubro e coa que se estrea como festival patrocinado por FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para a promoción de Galicia como destino musical de calidade. O evento, que recala por segundo ano consecutivo en Noia, é ademais un dos 19 subvencionados este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade mediante a convocatoria para festivais profesionais de música.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu na presentación celebrada no Casino noiés xunto a José Pérez Martínez, concelleiro de Cultura de Noia; Gumer Meijón, director do festival, e os representantes das firmas colaboradoras.

Sutil deulle a benvida ao Vilablues de Noia como un dos 14 festivais adheridos este ano á marca FEST Galicia, a través da que se patrocina o escenario principal que se situará no Paseo marítimo. Ao tempo, subliñou o compromiso económico e institucional do Goberno autonómico cos principais festivais de música galegos, para os que se incrementaron os fondos no marco do seu Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19.

Reforzo do investimento

Así, as dúas principais vías de apoio da Xunta neste ámbito suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Dunha banda, a través de FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 euros en patrocinios, un 25% máis que en 2020. Doutra, mediante a devandita convocatoria de subvencións a festivais de música, que se retomou este ano tras ser suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas distribúe outros 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.

O Vilablues recupera este ano a súa dimensión máis internacional con estrelas do xénero como o xamaicano Roy Ellis ou os estadounidense Tail Dragger e Shanna Waterstown. Tamén actuarán en Noia a británica Shirley Davis ou o africano JP Bimeni con The Black Belts. Haberá, ademais, unha destacada representación musical galega, entre as que sobresaen o concerto Sempre Narf, en homenaxe ao músico compostelán, e as actuacións de Adrián Costa, Espiño, Mallou, Blues do País ou Jay Doe & The Blue Preachers.

O recinto do escenario FEST Galicia estará parcelado para garantir as medidas de distanciamento e seguridade. A venda de abonos xa se atopa operativa na web www.enterticket.es, mentres que as entradas por días poderán adquirirse a partir de mañá.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021