Luis López destaca o 'enorme traballo' da Asociación Amigas e Amigos do Camiño Portugués na difusión do Xacobeo e do dobre Ano Santo

O delegado territorial da Xunta asiste no Liceo Casino de Pontevedra ao acto de imposición das insignias de ouro da entidade aos presidentes das cámaras municipais de Ponte da Lima e Viana do Castelo, Vítor Mendes e José María Cunha

Pontevedra, 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe o “enorme traballo” que está a despregar a Asociación Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago na difusión, promoción e posta en valor do Xacobeo e do dobre Ano Santo 2021-2022.

O representante autonómico valorou deste xeito “a longa traxectoria e os redobrados esforzos” que este colectivo está a realizar para potenciar as rutas xacobeas da man da Xunta de Galicia durante o acto de imposición das insignias de ouro da entidade, que tivo lugar este mediodía no Liceo Casino de Pontevedra.

“Celestino Lores e todos os membros da asociación fan un labor excepcional para potenciar o Camiño Portugués, que é o que percorre maioritariamente a provincia de Pontevedra e que xa é o segundo en volume de peregrinos e o que experimenta cada ano un maior crecemento, algo que, sen dúbida, ten que ver co traballo da Xunta e da asociación baixo unha absoluta cooperación”, sinalou Luis López.

Finalmente, o delegado territorial trasladou os seus parabéns, en representación do Goberno galego, aos presidentes das cámaras municipais portuguesas de Ponte da Lima e Viana do Castelo, Vítor Mendes e José María Cunha Castro, que este ano foron os galardoados coas insignias de ouro da Asociación Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021