O contrato suporá un investimento de máis de 1,13 millóns de euros

A Xunta recibe 5 ofertas para desenvolver o estudo de detalle de inundabilidade fóra das áreas de risco potencial significativo de inundación de Galicia-Costa

Das 5 ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 8 empresas

Trátase de complementar o labor de Augas de Galicia na contorna das 170 áreas de risco potencial significativo de inundación delimitadas na revisión e actualización do Plan de xestión de risco do novo ciclo 2021-2027 e que suman unha lonxitude de 548 km de río

A extensión total dos tramos de río nos que se realizarán os traballos será de ata 100 km, incrementando un 20% os estudos actuais, co obxectivo de favorecer unha correcta ordenación do territorio e medidas de prevención de asolagamento na súa contorna

Facilitará o desenvolvemento dos Plans específicos de xestión nas áreas de maior intensidade de risco de asolagamento para definir as actuacións e medidas concretas a despregar polas distintas administracións con competencia

O novo plan de xestión para o ciclo 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano, inclúe as 46 áreas de maior nivel de risco, téndose xa redactados plans específicos en 9 áreas fluviais e a previsión de desenvolver os plans das outras 37 áreas

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 5 ofertas para desenvolver o estudo de detalle de inundabilidade fóra das áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsis) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, que suporá un investimento de máis de 1,13M€.

Das 5 ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 8 empresas.

As actuacións obxecto deste contrato consisten na contratación do servizo de asistencia técnica que complemente os traballos desenvolvidos polo persoal técnico de Augas de Galicia, vencellados á implantación de medidas do vixente Plan de xestión de risco de inundación da demarcación hidrográfica de competencia da Xunta e á proposta de proxecto de novo Plan de xestión do próximo ciclo 2021-2027.

Os traballos proxectados pola Xunta permitirán a elaboración dos correspondentes estudos de mellora do coñecemento sobre a xestión do risco de inundación: leis de frecuencia de caudais, efecto do cambio climático, modelización dos riscos de inundación e a súa avaliación ou cartografía asociada, entre outros.

Esta actuación cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80% do gasto elixible no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As tarefas específicas deste contrato inclúen, dunha banda, a realización de estudos de detalle de inundabilidade fóra de áreas de risco potencial de inundación, pero dentro da súa área de influencia. O obxectivo deste estudo é permitir a zonificación da inundabilidade neses ámbitos e unha correcta ordenación do territorio como unha medida de prevención do risco de inundación.

A ampliación dos estudos de inundabilidade realizarase na contorna das 170 áreas de risco potencial significativo de inundación delimitadas na revisión e actualización da avaliación preliminar do risco de asolagamento da demarcación Galicia-Costa, correspondente ao ciclo 2021-2027, e que suman unha lonxitude total de 548 km de río. Deste xeito, a extensión total dos tramos de río nos que se realizarán estes estudos será de ata 100 km, incrementando ata un 20% os estudos dispoñibles na actualidade.

Doutra banda, o servizo contratado asistirá os técnicos da entidade hidráulica da Xunta na elaboración de Plans específicos de xestión nas áreas de risco de inundación do grupo IV da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, que se corresponden coas zonas onde é maior a intensidade de risco de asolagamento. Este traballo, ten como obxectivo desenvolver actuacións e medidas concretas para a minimización do risco de inundación polas distintas administracións con competencia.

Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Segundo a proposta do novo Plan de xestión de risco de inundación para o ciclo 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano, as áreas de risco do grupo IV elévanse a 46, téndose xa redactados plans específicos durante o primeiro ciclo en 9 áreas fluviais, polo que se trata de desenvolver os plans das outras 37 áreas.

Cómpre lembrar que Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Cambeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar en Valga e Padrón, así como en Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue impulsando a colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Data de actualización: 24/09/2021