A Xunta inviste máis de 410.000 € na renovación da cuberta do instituto de Mos

O Goberno galego está a investir máis de 12,5 M€ en obras na área de Vigo, a través dun total de 82 actuacións

No verán acometéronse ou iniciáronse en toda Galicia 557 traballos de mellora, por importe de case 30 M€

Mos (Pontevedra), 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o instituto de Mos para comprobar o avance das obras de renovación de cubertas que a Xunta de Galicia está a acometer neste centro e que supoñen un investimento de máis de 410.000€. O obxectivo da intervención, tal e como sinalou, é continuar avanzando na mellora das instalacións dos centros escolares galegos, unha tarefa á que se lle está a dar un novo pulo a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño do novo modelo de centros postcovid.

“Non en balde –explicou Román Rodríguez– este verán realizamos ou iniciamos un total de 557 actuacións de mellora en toda Galicia, por importe de case 30M€, nas que se inclúe esta do IES de Mos”. “Entre as obras deste verán, as que culminamos este ano e as que estamos licitando para executar en 2022, o orzamento na área de Vigo en obras elévase a máis de 12,5M€, cun total de 82 actuacións”, engadiu.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta destacou un investimento de máis de 1,6M€ desde 2009 nos centros educativos do concello de Mos, atendendo ás súas necesidades.

Mellora do illamento

O programa da intervención no instituto de Mos consiste na renovación da cuberta do centro dado o actual estado de deterioro e falta de funcionalidade. Entre as accións que se está acometendo figuran a retirada da cuberta existente e dos sistemas de impermeabilización dos encontros da cuberta, a disposición de illamento térmico sobre forxado de teito da última planta e a colocación dun novo taboleiro de cuberta en panel sándwich de chapa de aceiro.

Os traballos están neste momento en execución, aínda que se desenvolven baixo todas as medidas de seguridade e sen interferir na actividade lectiva.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021