A Xunta destaca en Pontevedra a importancia de apoiar o emprendemento feminino e apostar pola economía social para impulsar o emprego local

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron hoxe en Pontevedra na apertura do espazo de emprendemento Pont-Up Store

López Abella destaca o impulso á iniciativa emprendedora feminina no sector tecnolóxico por medio do programa Emega, dotado este ano con 3,2 millóns de euros

Toca reafirma o compromiso do Goberno galego coa economía social, un modelo relevante para o fomento da economía de proximidade e colaborativa, que ten demostrado a súa resistencia durante a pandemia

Pontevedra, 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron hoxe en Pontevedra na apertura do espazo de emprendemento Pont-Up Store, onde destacaron a aposta da Xunta polo emprendemento feminino e pola economía social para impulsar o emprego local.

López Abella, dunha banda, interveu nunha mesa redonda sobre emprendemento feminino no ámbito tecnolóxico na que subliñou a importancia que o programa Emega de emprendemento feminino promovido pola Xunta ten para a área da innovación e a tecnoloxía, que neste marco conta cunha liña específica de apoio.

A Xunta ampliou este ano nun 54% o orzamento do programa Emega ata os seus históricos 3,2 millóns de euros. Tamén vén de incrementar todos os incentivos do programa en 2.000 euros, polo que as contías para as beneficiarias oscilarán entre os 8.000 e os 42.000 euros, en función dos postos de traballo xerado. Tal e como remarcou López Abella, apoiar o liderado económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta. Neste camiño, indicou, é fundamental promover a iniciativa empresarial e o emprego feminino en áreas tecnolóxicas, polo que o programa Emega pon ao dispor das súas beneficiarias unha liña específica de actuación, ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía.

Toca, pola súa banda, pechou a mesa redonda reafirmando o compromiso do Goberno galego coa economía social, un modelo relevante para o fomento da economía de proximidade e colaborativa, que ten demostrado enorme resiliencia durante a pandemia. Así, indicou que o cooperativismo e a economía social son axentes dinamizadores dos concellos do rural e explicou que a Xunta ten en marcha programas para o apoio do cooperativismo con actuacións dirixidas a promover a creación e consolidación de empresas e emprego deste modelo económico. Ata o próximo 30 de setembro, poden solicitarse, por exemplo os bonos Consolida e Transforma Economía Social, dúas novas liñas de apoio ás que a Xunta destina 5,3 millóns de euros para a mellora da competitividade, por unha banda, e para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, por outra.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021