A Xunta destaca os camiños de Santiago do Norte como eixo vertebrador do turismo do norte peninsular

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a inauguración do Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular, que continuará mañá en Lugo e o domingo en Santiago para abordar o futuro modelo turístico

Destacou a fortaleza da España Verde para resistir mellor ca outros territorios o impacto da pandemia ao contar con recursos turísticos únicos como o Camiño, espazos abertos e non masificados e produtos turísticos personalizados e seguros que están a demandar os viaxeiros

Lembrou que Galicia foi en agosto a única comunidade que superou os datos turísticos prepandemia, cun 70% máis de viaxeiros que hai un ano e 27 puntos por riba da media nacional respecto ao mesmo mes de 2019
 

Compartir
  • whatsapp

Mondoñedo (Lugo), 24 de setembro de 2021.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe en Mondoñedo a Cumio Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular, onde destacou que estas rutas constitúen o eixo vertebrador dos recursos turísticos, do patrimonio, da cultura e dos valores que comparte Galicia coas comunidades de Asturias, País Vasco e Cantabria.

Nesa liña, incidiu na fortaleza da España Verde para resistir mellor ca outros territorios o impacto da pandemia ao contar con recursos turísticos únicos como o Camiño de Santiago. Ademais, engadiu que Galicia e as comunidades do norte peninsular contan con produtos turísticos personalizados e seguros que están a demandar os viaxeiros na actualidade para desfrutar dun turismo tranquilo en espazos abertos e non masificado. Trátase dun modelo de turismo -explicou- que tamén ofrece o Camiño de Santiago.

Alfonso Rueda lembrou que a Xunta reforzou nestes meses a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade e iso foi precisamente o que permitiu á comunidade acadar tan bos resultados neste verán trala implantación de medidas de prevención ante a covid no sector turístico ou medidas pioneiras como o seguro coronavirus ou a promoción con campañas como Camiña a Galicia.

Así, o mes pasado Galicia foi o único destino en España que conseguiu superar os datos turísticos prepandemia cun 70% máis de viaxeiros que en agosto de 2020 e 27 puntos por riba da demanda nacional en comparación cos datos de 2019. Tamén as comunidades representadas neste cumio acadaron bos resultados situándose despois de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén fixo referencia á reactivación do Camiño de Santiago co obxectivo de superar este ano as 140.000 Compostelas e coa previsión de acadar esa cifra xa no mes de outubro.

Por iso, sinalou a importancia de abordar en cumios coma este,
organizado pola Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo, o Camiño desde diferentes perspectivas. Este cumio abordará con expertos ata o domingo a importancia do Camiño de Santiago e, en concreto, dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular -incluído o Camiño do Norte en Galicia a través da Ruta da Costa- que están recoñecidos desde 2015 como Patrimonio Mundial pola Unesco.

O encontro, que hoxe se inaugurou en Mondoñedo e contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, continuará mañá con máis relatorios en Lugo e rematará o domingo en Santiago de Compostela, meta de tódolos camiños.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021