A Xunta enxalza a extracción do percebe como un dos sinais de identidade das xentes e do mar de Laxe

Laxe (A Coruña), 24 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na inauguración da exposición Percebe de Laxe, composta por imaxes do fotógrafo Luis Polo e que se pode visitar no Museo do Mar de Laxe, onde destacou que a extracción do percebe é un dos sinais de identidade das xentes e do mar de Laxe.

Trenor salientou que o obxectivo desta mostra é poñer en valor as zonas nas que se extrae o crustáceo neste concello coruñés e subliñou a importancia desta iniciativa, porque o marisqueo supón un extraordinario motor para a economía local e ademais é un distintivo da supervivencia da cultura popular mariñeira desta zona.

Esta exposición é a primeira dunha serie de iniciativas que vai poñer en marcha o Concello de Laxe para a potenciación e promoción deste produto entre as que se encontra a creación da ruta do percebe de Galicia. De feito, a comunidade conta cunha importante produción deste crustáceo coa comercialización de máis de 225 toneladas nas lonxas galegas, que supuxeron uns ingresos de preto de oito millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2021