A Xunta de Galicia comeza hoxe en Ferrol os cursos gratuítos de condución segura

Os cursos diríxense a todos os motociclistas, incluídos os usuarios con permiso de conducir B+3, A1, A2 e A que desexen mellorar o control da moto

Cada xornada consta dunha quenda de mañá e outra de tarde, tendo cada grupo un máximo de 20 alumnos que dispoñen dun bloque teórico e doutro práctico

Esta edición formativa, que se inicia hoxe en Ferrol, continuará mañá en Santiago de Compostela, o 2 de outubro en Pontevedra e o 3 en San Cibrao das Viñas

Con esta nova convocatoria, a Xunta terá ofrecido formación a máis de 800 persoas, a través dos 20 cursos desenvolvidos desde 2017 repartidos en 5 edicións
 

Ferrol, 25 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia comeza hoxe en Ferrol os cursos gratuítos de condución segura de motocicletas.
Esta formación está dirixida a todos os motociclistas, incluídos os usuarios con permiso de conducir B+3 (B máis 3 años de antigüidade), A1, A2 e A que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.

A xornada, que se está a desenvolver no aparcadoiro do pavillón da Malata, comezou a primeira quenda ás 8.30 e rematará ás 13.30 horas; continuando con outro grupo pola tarde, entre as 15.50 e as 20.30 horas. En cada unha das quendas hai un máximo de 20 alumnos.

Cada grupo dispón primeiro dunha sesión teórica, que abrangue temas como o equipamento axeitado, as manobras, os tempos de reacción ou a meteoroloxía adversa, entre outros.

A continuación, procédese á formación práctica, que inclúe manobras en parado, exercicios de axilidade e equilibrio, accións de freada e a realización dun itinerario completo.

Aposta pola seguridade viaria

Esta edición formativa, que se inicia hoxe en Ferrol, continuará mañá en Santiago de Compostela, o 2 de outubro en Pontevedra e o 3 en San Cibrao das Viñas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dálle así continuidade aos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas postos en marcha no 2017 para sensibilizar na importancia da seguridade viaria e contribuír a reducir o risco de accidentes.

Coa celebración desta edición, a actividade formativa permitirá chegar a ofrecer, en total, formación a máis de 800 persoas, a través de 20 cursos, repartidos en 5 edicións.

Para levar a cabo estas xornadas, a Xunta conta coa colaboración da Unión de Moteros Europeos, Pons Seguridad Vial e a Escuela Nacional de Conducción de Motocicletas.

A seguridade viaria é unha materia prioritaria para o Goberno galego, que está a prestar especial atención aos usuarios máis vulnerables das estradas como os peóns, os ciclistas ou os motoristas.

Estas medidas complétanse con outras accións máis globais como a estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/09/2021