A Xunta investiu xa este ano 3,5 M€ na reactivación do turismo galego a través do bono turístico

Como colofón dun verán sen precedentes no que Galicia liderou o crecemento do turismo nacional, de aquí ao final de ano consumiranse 5.000 tarxetas máis, polo que cando finalmente remate a campaña, teranse mobilizado 7,5M€

Pontevedra, 25 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta investiu xa este ano 3,5 millóns de euros na reactivación do turismo galego a través do bono turístico. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, realizou en Pontevedra un balance inicial desta iniciativa pioneira en España..

A Xunta puxo en marcha o ano pasado o bono turístico para o persoal sanitario coa finalidade de incentivar o turismo en tempo de pandemia. A esa iniciativa -vixente ata o 31 de maio deste ano- sumouse, xa no 2021, o bono turístico aberto ao público en xeral co obxectivo de incentivar o consumo interno e axudar ao sector. Entre ámbalas dúas iniciativas, o Goberno galego leva investidos xa neste ano 3,5 millóns.

Desde o mes de xuño ata o 19 de setembro activáronse 4.382 das 9.465 tarxetas emitidas na segunda edición do bono, a aberta ao público en xeral, das que máis de 1.300 -o 13% do total- gastaron a totalidade do seu saldo. Os beneficiarios, que como se recordará esgotaron en poucas horas a oferta dispoñible, optaron maioritariamente polos de maior importe -4.304 de 500 euros-, tendo en conta que, en todos os casos, os particulares corrían co 40% do gasto, mentres que a Administración galega poñía o 60% restante.

O maior consumo produciuse no mes de agosto, con 470.000 euros, e foi a provincia de Pontevedra a que acadou o maior número de transaccións (un 56% do total), seguida da Coruña (24%), Lugo (13%) e Ourense (6%). Durante este tempo fixéronse 7.000 transaccións, o 86% en aloxamentos hoteleiros dos que a cuarta parte foron de 4 e 5 estrelas. O resto do consumo foi en paquetes turísticos adquiridos en axencias de viaxes.

Alfonso Rueda, que fixo balance do éxito do bono turístico na inauguración do XX Encontro Internacional de Hospitaleiras e Hospitaleiros do Camiño Portugués, salientou a eficacia desta campaña, que foi imitada noutras comunidades autónomas, para reactivar o turismo nun ano marcado polas restricións na mobilidade. E tendo en conta que quedan aínda máis de 5.000 tarxetas por consumir, o vicepresidente primeiro subliñou que ían supoñer “un colofón” para un verán sen precedentes no que Galicia liderou o crecemento turístico, e manifestou que non tiña “dúbida algunha” de que os saldos pendentes ían esgotarse, dado o éxito da iniciativa. “De aquí a decembro vanse mobilizar case catro millóns de euros máis, o que suporá unha inxección económica e de moral moi importante”.

“Galicia é o único destino de España que en agosto conseguiu recuperar o nivel de demanda turística previo á pandemia”, recordou Rueda atendendo ao balance que se fixo público hai uns días e no que se constatou que a comunidade galega comportouse 27 puntos mellor que a media nacional respecto do 2019. O vicepresidente primeiro asegurou que era o froito dun traballo colectivo e que Galicia asumía agora o reto de manter esas boas perspectivas no vindeiro ano xacobeo, para acadar no 2023 os cinco millóns de visitantes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/09/2021