Sanidade segue a traballar na mellora da Atención Primaria incrementando persoal e orzamentos

A media de profesionais que diariamente prestan servizos no primeiro nivel asistencial pasou de 8.536 a 9.443

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A media diaria de profesionais que diariamente prestan en Galicia servizos en atención primaria se ten incrementado paulatinamente cada ano, mellorando a nosa comunidade os ratios fixados no Marco Estratéxico para a atención primaria e comunitaria de 10 de Abril de 2019 do Ministerio de Sanidade. Nel establécese un horizonte a 2022 de cota máxima de 1.500 persoas en idade adulta e 1.000 persoas en idade pediátrica, cunha marxe de 10%. En Galicia, os cupos medios son de 1.247 tarxetas sanitarias para médico de familia de adultos e de 804 tarxetas para pediatría.
 

En concreto, a media de profesionais que diariamente prestan servizos en atención primaria ten pasado de 8.536 a 9.443, polo que tamén se ten incrementado a cobertura das ausencias en case 1.000 efectivos máis de promedio no ano 2021 en relación co ano 2015, sendo o incremento maior en persoal de enfermería, cun aumento medio de 709 efectivos máis.

Sinalar ademais que, actualmente, o orzamento de persoal do departamento sanitario galego dedicado a atención primaria é dun 28,1%. O incremento da taxa anual acumulada de 2015-2021 é de 5,3 %, o que supón un aumento medio anual de 24 millóns de euros, totalizando no antedito período 141.919.687 euros.
 

No que se refire ao incremento en postos de traballo, nos últimos anos a atención primaria ten aumentado o persoal nun total de 331 prazas, estes novos postos de traballo teñen mellorado os ratios na práctica totalidade de servizos de atención primaria, que vén incrementados os ratios de entre 1 a 10 efectivos nestes anos.

O obxectivo a conseguir é mellorar o ratio médico enfermeiro ata acadar o 1/1, e introducir prazas de enfermería especialista coincidentes en número coas que rematan a formación cada ano, progresando na especialización.

Así mesmo, aumentouse a idade de xubilación para permitir que os profesionais que quixeran quedarse no sistema o poideran facer.
Mobilidade e mellora das condicións

A Consellería de Sanidade ten negociado cos sindicatos da mesa sectorial unha puntuación adicional para o persoal que traballa en centros illados, tanto na progresión da carreira profesional, como nas ofertas de emprego, listas de contratación e concursos de traslados, que, a pesar da pandemia, se ten executado anualmente no último trimestre de cada ano, permitindo, deste xeito, a mobilidade e mellora de condicións de traballo do persoal de atención primaria.

A puntuación adicional tamén tense aplicado nos baremos para promover os labores de titoría, tanto na carreira profesional publicada no Diario Oficial de Galicia de 6 de Agosto de 2021, como nos baremos actuais de oferta pública de emprego e de concurso de traslados.

Investimentos en centros de saúde

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 89 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. En concreto, desde que comezou esta lexislatura, fai un ano, o departamento sanitario galego puxo a disposición da cidadanía 18 centros novos ou reformados.
 

Ademais, o Sergas investiu 8,6 millóns de euros en novo equipamento para os centros, 600.000 euros en 279 holters, outros 600.000 en 27 ecógrafos, 1,4 millóns de euros en 261 desfibriladores e case 2 millóns de euros en 475 electrocardiógrafos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 25/09/2021