A lei do ciclo integral da auga que impulsa a Xunta permitirá aforros do 10% coa xestión agrupadas das infraestruturas e a aplicación de economías de escala

O sistema agrupado permite unha maior eficiencia, coordinación e equidade no mantemento e conservación das infraestruturas de depuración ou de abastecemento

Tamén implica menores custos, derivados da optimización de materias, equipos e persoal, ademais dunha xestión das instalacións continua e máis profesionalizada

A xestión conxunta que xa vén facendo a Xunta das depuradoras da Illa de Arousa, Meaño e Ribadumia constata un aforro do 10,5% en custos fixos e un 7% en custos variables: 120.000 euros ao ano fronte á súa xestión individualizada

A nova norma pretende responder ás solicitudes de apoio que trasladan os concellos de forma continua ante as dificultades contrastadas para exercer de forma axeitada as súas responsabilidades de saneamento, depuración e abastecemento

A día de hoxe Augas de Galicia xestiona 28 depuradoras municipais e coa nova lei todos os concellos que o soliciten voluntariamente terán acceso a un modelo de colaboración con garantías de eficacia
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021.- A lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que está a impulsar a Xunta permitirá aforros de arredor do 10% na prestación dos servizos coa xestión agrupada das infraestruturas hidráulicas e coa aplicación de economías de escala.

O sistema agrupado de xestión das infraestruturas de abastecemento ou depuración que posibilita a nova normativa da Xunta redundará nunha maior eficiencia, coordinación e equidade no seu mantemento e conservación, ao permitir agrupar a xestión de instalacións hidráulicas en función da súa proximidade e aproveitar a economía de escala.

Esa maior eficacia na xestión virá dada pola sinerxía que se consegue coa dispoñibilidade de materiais e de repostos, equipos auxiliares ou persoal das instalacións hidráulicas que se xestionen de xeito integrado.

O modelo implica tamén menores custos, derivados da optimización de materiais, equipos e persoal e da redución dos prezos de compra dos materiais subministrados. Así, por exemplo, comprar maior cantidade de equipos ou de reactivos para as depuradoras, ou realizar esa compra por lotes, permite conseguir mellores prezos, ao igual que se logran aforros dos custos derivados do consumo eléctrico ou da xestión de residuos.


O feito e xestionar de forma conxunta varias instalacións de depuración ou de abastecemento tamén fai máis viable e asumible a contratación de técnicos especialistas, logrando unha xestión máis profesionalizada das infraestruturas hidráulicas. Isto permite mellores resultados no funcionamento, mantemento e conservación dos sistemas de abastecemento e depuración e, ao fin, tamén maiores aforros.

Por exemplo, en depuradoras de pequeno tamaño e pouco complexas, un técnico especializado poderá ocuparse das tarefas de xestión diaria de varias plantas de depuración de augas residuais.

Cómpre ter en conta que a necesidade de persoal é un dos aspectos clave e primordial na xestión das infraestruturas hidráulicas, xa que este tipo de instalacións precisan dunha atención continuada as 24 horas do día. A xestión agrupada de instalacións próximas posibilitaría, polo tanto, unha maior vixilancia e control, ademais dunha xestión óptima e profesional.

Analizando casos reais constátase que a xestión agrupada permite optimizar os custos de mantemento e explotación, acadar maiores niveis de eficiencia e aproveitar a aplicación de economía de escala para reducir gastos.

Exemplo disto é a xestión conxunta que, desde xullo de 2015, vén facendo a Xunta das depuradoras da Illa de Arousa, Meaño e Ribadumia. Se se comparan os custos reais que supoñía explotar cada unha destas instalacións de xeito individual cos custos que implica a súa xestión conxunta, constátase un aforro dun 10,5% en custos fixos e dun 7% en custos variables: unha redución de custos de 120.000 euros ao ano fronte á xestión individualizada.

A explotación conxunta de infraestruturas hidráulicas de tamaño medio e pequeno, nas que os custos de funcionamento, mantemento e conservación teñen un maior peso, permtirá acadar aforros na prestación dos servizos da auga estimados en arredor do 10%.

Cómpre lembrar que a metade das depuradoras xestionadas polos concellos teñen deficiencias no seu funcionamento, o que prexudica a calidade de vida dos veciños, a calidade das augas e actividades económicas como a pesca, a acuicultura, o marisqueo ou o turismo.

A Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que impulsa o Goberno galego pretende dar resposta ás solicitudes de apoio que os concellos lle trasladan de forma continua, ante as dificultades, contrastadas, para exercer de forma axeitada as súas responsabilidades de saneamento, depuración e abastecemento e garantir a prestación dun bo servizo da auga aos seus veciños.

Augas de Galicia xestiona actualmente 28 depuradoras municipais. A nova lei permitirá regular, ampliar e estender o apoio que a Xunta vén prestando aos concellos galegos nas súas competencias. Todos aqueles municipios que o soliciten, de xeito totalmente opcional e voluntario, poderán acollerse a un modelo de colaboración para a prestación dos servizos da auga con garantías de eficacia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/09/2021