O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana mantiveron hoxe un encontro co comité de empresa de Ence

A Xunta apoia a proposta dos traballadores de Ence que busca unha solución que permita a continuidade da fábrica en Pontevedra

Esta solución xurídica alternativa suporía que as instalacións de Lourizán pasasen a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín

A Administración galega comprométese a elevar esta iniciativa ao Consello Consultivo para que emita un informe que a continuación se trasladará ao Goberno

Conde volve reclamar a implicación do Executivo central para poder materializar esta solución

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, manifestou hoxe o apoio da Xunta a que a planta de Ence pase a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín, tal e como propoñen os traballadores. Neste sentido, adiantou que o Goberno galego trasladará esta proposta ao Consello Consultivo para que emita un informe que será trasladado á Administración central para a súa aprobación.

Conde e Lorenzana mantiveron hoxe un encontro co comité de empresa onde se avaliou en profundidade esta solución xurídica alternativa que propoñen os traballadores da factoría e que suporía que as instalacións de Ence en Lourizán se desvinculen da lexislación de Costas e sexan sometidas á lexislación de Portos do Estado. “Desde a Xunta de Galicia coincidimos con este plantexamento —aseverou Conde—; concordamos na oportunidade de trasladar unha consulta ao Consello Consultivo para avaliar se desde o punto de vista da legalidade esta alternativa é posible”.

O principal argumento para xustificar esta modificación é que os portos son dominio público marítimo-terrestre, pero cumpren unha finalidade especial á hora de realizar e facilitar actividades económicas complexas e de interese xeral. Son unha ferramenta clave para que a iniciativa privada dispoña dos medios e espazos necesarios para impulsar a economía, xerar investimentos e prestar servizos.

No dominio público dun porto atópase a denominada ‘zona de servizo’, que inclúe espazos de terra e auga necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios. Nesta zona poden incluírse os que correspondan a empresas industriais ou comerciais cuxa localización no porto estea xustificada pola súa relación co tráfico portuario, polo volume de tráficos marítimos que xeran ou polos servizos que prestan. E a factoría de Ence cumpre con todos estes requisitos. Toda a pasta de papel que produce pasa polas instalacións portuarias ata o punto de que é un dos tráficos estratéxicos do porto de Marín.

O vicepresidente económico sinalou que, de materializarse esta posibilidade, na práctica significaría desbloquear a situación e garantir o futuro dos máis de 5000 empregos directos e indirectos que dependen da fábrica de Ence en Pontevedra. Por iso volveu pedir a implicación do Goberno na busca dunha solución.

“Imos seguir insistindo en que o Goberno ofreza unha alternativa para que se poida manter a planta de Ence en Lourizán e que ese poidan explorar todas as vías desde o punto de vista administrativo e xudicial”, asegurou, para concluír: “Ao mesmo tempo que imos impulsar esta consulta ao Consultivo, trasladamos ao Ministerio a petición de que rectifique e se una á Xunta e ao comité para atopar unha alternativa e poder manter a planta de Lourizán nas instalacións actuais”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2021