O conselleiro de Sanidade anima á cidadanía que aínda non se vacinou a que fagan uso dos 15 puntos de vacinación libre abertos ata o día 30

Nun acto que tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro para concienciar á vacinación dende o deporte, e que contou coa presenza de José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte

Nesta pasada fin de semana, a Xunta administrou máis de 7.200 vacinas
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiu hoxe pola mañá, no Hospital Álvaro Cunqueiro da cidade olívica, a un acto enmarcado na campaña de concienciación da importancia da vacinación dende o deporte galego, e que contou coa presenza de varios deportistas que compiten na nosa comunidade en diversas disciplinas, como Chano Rodríguez e Agustín Alejos.
Algún destes deportistas presentes, que se incorporaron recentemente a Galicia e non estaban vacinados, o fixeron hoxe para, deste xeito, servir de espello aos cidadáns que aínda non o fixeron. Ao acto, tamén asistiu a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias.

O titular da carteira sanitaria destacou que a Xunta de Galicia ten abertos, ata o día 30, de maneira ininterrompida 15 puntos de vacinación onde é posible acudir sen cita para seren vacinado, posibilitando unha enorme accesibilidade á vacinación para que ningún galego ou galega quede sen vacinar. Tamén subliñou que a vacinación con cita a través de wassap (981 21 59 30), xa leva tramitadas nun par de días 600 solicitudes.

O conselleiro agradeceu á Secretaría Xeral para o Deporte e ás asociacións de deportistas e os clubs hoxe presentes no acto no Hospital Álvaro Cunqueiro, a súa colaboración e esforzo para fomentar que as persoas que aínda non se vacinaron o fagan.

Remarcou, así mesmo, que Galicia está nos mellores niveis de vacinación de todo o Estado, cun 93,5% de porcentaxe de poboación vacinada cunha dose e no 91,5% con dúas doses, subliñando que, esta fin de semana, puxéronse máis de 7.200 vacinas, das que 3.200 foron primeiras doses, 2.700 segundas e 1.300 terceiras doses en residencias.
Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, sinalou que a vacinación de hoxe no Hospital Álvaro Cunqueiro é un acto de responsabilidade e solidariedade do deporte, que se compromete coa sociedade como o fixo durante a pandemia a través dos protocolos realizados para que o deporte fora seguro. Así mesmo, apelou a seguir cumprindo os protocolos.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 27/09/2021