A Xunta pon en valor o seu modelo turístico para captar 28 M€ de fondos da UE a través de seis proxectos

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe durante a conmemoración do Día Mundial do Turismo as propostas de actuacións de cohesión en destino Galicia coas que o Goberno galego busca reactivar o turismo

Tres das iniciativas optan a captar fondos europeos extraordinarios da convocatoria do Plan Territorial de Sustentabilidade en Destino e outras tres ao Plan Turístico Nacional Xacobeo 

As propostas apostan por fomentar Galicia como destino náutico ou cicloturista e potenciar a ruta Traslatio e o Camiño de Santiago en xeral

Alfonso Rueda destacou tamén os bos datos turísticos en agosto ao converterse Galicia na única comunidade en superar os datos turísticos prepandemia despois do traballo feito por reforzar a mensaxe como destino seguro e de calidade
 

Fisterra (A Coruña), 27 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo, onde incidiu na importancia do modelo turístico galego baseado na seguridade e na calidade que permitiron obter bos resultados de afluencia turística este verán e que ademais serán os piares das actuacións coas que o Goberno galego pretende captar case 28 millóns de euros de fondos da Unión Europea para reactivar o sector.


No acto de hoxe, Alfonso Rueda presentou as seis propostas de actuacións de cohesión que a Xunta presentará aos fondos europeos extraordinarios do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destinos e ao Plan Nacional Xacobeo 21-22, no marco da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino.


Por unha parte, explicou que deses 28 millóns, a Xunta presentou tres iniciativas para o seu Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino, o Plan do Litoral, por un orzamento de 14,6 millóns de euros. En concreto, case 8 millóns de euros para actuacións de rehabilitación e embelecemento da fachada litoral, outros 3,5 millóns á mellora da senda litoral e 3 millóns para poñer en marcha infraestruturas e actividades encamiñadas a potenciar Galicia como destino náutico desenvolvendo os minicruceiros como produto turístico.

Por outra banda, a Xunta propón outros tres proxectos dotados cun orzamento de 13,1 millóns de euros no marco do Plan Nacional Xacobeo 21-22, para o que se contempla unha actuación de cohesión orientada a facer de Galicia un destino cicloturista utilizando as rutas xacobeas e a rede Eurovelo cun investimento de 3,5 millóns de euros; 3,2 millóns co obxectivo de revalorizar a ruta xacobea marítimo-fluvial polo Mar de Arousa coñecida como ruta Traslatio a través da mellora das infraestruturas náutico-portuarias e coa creación de espazos para atender aos peregrinos; e 6,5 millóns para poñer en valor o Camiño de Santiago como unha experiencia segura, innovadora e tamén en familia.
As actuacións deste último proxecto enmárcanse no Plan Director dos Camiños de Santiago 2021-2027 que a Xunta xa licitou para continuar co traballo feito ata agora na mellora da conservación das rutas, dos albergues e dos servizos de atención ao peregrino, incluíndo actuacións que fomenten desfrutar da experiencia do Camiño en familia con nenos e nenas.

Na conmemoración do Día Mundial do Turismo en Fisterra, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia segue estando de moda neste Xacobeo 21-22 como se constata cos datos de agosto, que sitúan á comunidade galega como a única de España que conseguiu superar as cifras turísticas prepandemia. De feito, en agosto rexistrouse un 70% de ocupación respecto ao ano pasado e cun comportamento 27 puntos mellor que a media nacional en comparación cos datos de agosto de 2019.

Alfonso Rueda lembrou que estes resultados son froito do traballo feito para reforzar Galicia como destino seguro e de calidade con iniciativas pioneiras como o seguro coronavirus, o bono turístico ou a campaña Camiña a Galicia. Por iso, instou a seguir traballando no modelo do futuro do turismo galego no marco do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro apostando por unha oferta na que prime a seguridade, a calidade e a sustentabilidade co obxectivo de acadar os 5 millóns de visitantes en 2023.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2021