O presidente da Xunta acompañou ao vicepresidente da Comisión Europea e comisario de Promoción de Estilo Vida Europeo, Margaritis Schinas, no seu percorrido por un tramo do Camiño de Santiago

Feijóo reitera a oportunidade que o Ano Santo bienal supón para o sector turístico galego

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe a oportunidade que o Ano Santo bienal supón para o sector turístico galego; “estamos convencidos de que se este está a ser un bo ano, o 2022 será un excelente ano de peregrinación”, abundou.

Tras acompañar ao vicepresidente da Comisión Europea e comisario de Promoción de Estilo Vida Europea, Margaritis Schinas, no seu percorrido por un tramo do Camiño, Feijóo incidiu no papel da peregrinación a Compostela na construción da identidade común europea, recordando que tanto as rutas Xacobeas como a Unión Europea son un punto de encontro, de acordo e de unión.

Nesta liña, resaltou que a pandemia constatou a importancia de actuar xuntos non só durante a covid, senón tamén para impulsar a reactivación e acometer proxectos e reformas con vocación de permanencia, capaces de transformar a nosa sociedade.

Ao respecto recordou que Galicia articulou unha candidatura aos fondos Next Generation con iniciativas viables e consensuadas co tecido económico; “e esperamos coñecer criterios e poder participar con obxectividade na asignación que o Goberno central faga dos fondos”, insistiu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2021