A Xunta licitará nos vindeiros días a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Abegondo que integrará o uso sustentable da madeira

Así o vén de anunciar o xerente do Sergas, José Flores Arias, na súa visita a este concello, acompañado do director da Axencia Galega de Industria Forestal, Ignacio Lema

Con esta nova obra no Concello de Abegondo, a Xunta continúa na súa aposta pola transformación da atención primaria

A Consellería de Sanidade e a Axencia Galega de Industria Forestal, teñen un acordo para impulsar o uso sustentable da madeira nas consultas e nas salas de espera dos novos centros de saúde, co obxectivo de favorecer a súa humanización

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, puxo de manifesto os impactos positivos que supón a utilización da madeira na construción
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, deu conta dun paso máis da Xunta de Galicia cara á consecución do novo centro de saúde de Abegondo. Na súa visita de hoxe a este concello, o responsable do Sergas dixo que o Executivo galego licitará, nos vindeiros días, a redacción do proxecto básico e de execución da nova infraestrutura “coa que darase resposta ás actuais necesidades asistenciais”.
Un proxecto no que terá un papel protagonista o uso sustentable da madeira, de aí que na visita de hoxe o xerente do Sergas estivera acompañado de Ignacio Lema, director da Axencia Galega de industria Forestal. Tamén asistiu á visita o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.
“Dende o Sergas estamos a ratificar o compromiso materializado o pasado mes de marzo na sinatura do protocolo de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o concello, de licitar canto antes o proxecto para esta obra”, -dixo José Flores-.
O novo centro permitirá gañar en funcionalidade e nunha mellor atención e asistencia aos pacientes, e dotar ao persoal de mellores instalacións e medios. Así, esta nova instalación da rede sanitaria pública galega, contará, entre outras dependencias, cunha segunda sala de enfermería separada da de mostras; unha sala de educación maternal; unha de técnicas e unha sala polivalente para poder realizar a cirurxía menor, e unha sala de xuntas e biblioteca. En total, actuarase nunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados.

Renovación integral da atención primaria

Con esta nova instalación sanitaria, a Consellería de Sanidade continúa coa renovación integral da atención primaria e faino de xeito respectuoso co medio ambiente. Ao respecto, a Consellería de Sanidade, a través do Sergas e a Axencia Galega de Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, teñen un acordo para impulsar o uso sustentable da madeira nas consultas e nas salas de espera dos novos centros de saúde, co obxectivo de favorecer a súa humanización e contribuír a un maior benestar dos usuarios e do persoal sanitario.

Coincidindo coa Semana Global de Acción polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, José Flores destacou, no acto de hoxe, outras iniciativas que o Sergas está a levar a cabo nesta materia, como son o proxecto de descarbonización Low Carbon, medida piloto iniciada no Hospital Universitario de Lugo que se estenderá a toda Galicia, e o proxecto Life Resystal, iniciado nos tres hospitais de Ourense, co que se pretende aumentar a capacidade de adaptación ao cambio climático de todas as infraestruturas da saúde.

Este acto encádrase como unha acción de difusión en relación ao obxectivo 9 (acción polo clima) da Axenda 2030, e forma parte das actuacións coa que a Xunta de Galicia participa de xeito activo na Semana Global de Acción polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable #Act4SDGs. O Goberno galego participa nesta campaña cunha ducia de iniciativas de difusión e concienciación en relación á sustentabilidade. Todas as accións poden ser consultadas no mapa global de Act4SDGs o no perfil da Xunta de Galicia.
Segundo incidiu o xerente, con esta nova obra no Concello de Abegondo, “a Xunta continúa na súa aposta pola transformación da atención primaria”, como o demostra que, na última década, entre obras xa rematadas e as que están en marcha, o Executivo galego investiu máis de 120 millóns na mellora das infraestruturas deste nivel asistencial.

Desenvolvemento sostible

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, puxo de manifesto os impactos positivos que supón a utilización da madeira na construción. Así, sinalou a creación de ambientes máis cálidos e agradables para usuarios e profesionais dos centros de saúde, ao mesmo tempo que contribúe á bioeconomía, respectando o medio ambiente ao construír dun xeito máis sostible.

Ao mesmo tempo, -apuntou Lema-, ao elixir a madeira tanto para novas obras como para a rehabilitación, favorécense as vendas forestais deixando beneficios na contorna. “Esta aposta manifesta que o Sergas, en particular, e a Xunta de Galicia, en xeral, están a traballar en liña co desenvolvemento sostible”, sinalou.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 28/09/2021