A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta tarde no Consello Consultivo previo á reunión dos ministros europeos do ramo

Galicia reclama máis peso para as comunidades e unha dotación orzamentaria axeitada para poder cumprir cos obxectivos climáticos da Unión Europea

A responsable autonómica anima a todas as administracións a traballar de forma coordinada e transparente para implicar á cidadanía na posta en práctica do paquete de medidas e propostas lexislativas presentado pola Comisión Europea no mes de xullo

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta reivindicou hoxe a necesidade de lograr unha participación maior e máis coordinada por parte das comunidades autónomas naquelas cuestións da súa competencia que resultan determinantes para avanzar nos obxectivos climáticos da UE, ao tempo que reclamou dotacións orzamentarias suficientes e axeitadas ás medidas que haberá que desenvolver.

Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras participar esta tarde por videoconferencia na reunión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para asuntos comunitarios, que se convocou con carácter previo ao Consello de Ministros europeos do vindeiro 6 de outubro.

Precisamente un dos grandes puntos a tratar na reunión de outubro será o Obxectivo 55, un novo paquete de medidas publicado pola Comisión Europea o pasado 14 de xullo e que inclúe unha serie de propostas lexislativas en materia de clima, enerxía e transporte co fin de traducir en accións o obxectivo asumido por Europa de reducir as emisións nun 55% de aquí a 2030 e lograr emisións netas 0 no horizonte do ano 2050.

Neste contexto e dado o carácter preparatorio do Consello Consultivo de hoxe, a conselleira subliñou a preocupación da Xunta ante algunhas das medidas esperadas, sobre todo aquelas relacionadas co transporte marítimo, aéreo e por estradas ou as que afectarán e obrigarán a adaptar fogares e edificios.

Así, tras lembrar que moitas das propostas comunitarias entran plenamente no eido competencial autonómico, considerou imprescindible que a intervención da ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, ante os seus homólogos europeos inclúa os puntos clave da posición común das comunidades, sobre todo tendo en conta, lamentou, que non terán a oportunidade de intervir e expoñer a súa postura durante o Consello de Ministros da UE.

Neste sentido, insistiu na importancia de que “entre todos” se traballe de forma coordinada para acadar os obxectivos climáticos propostos. E para iso, subliñou que as comunidades deben participar máis na toma de decisións e contar con instrumentos financeiros axeitados que lles permitan levar a cabo as medidas necesarias para acadar as metas a nivel climático fixadas por Europa.

A este respecto, Ángeles Vázquez incidiu na transcendencia do paquete do Obxectivo 55, que supón “por primeira vez” que a lexislación europea vaia por diante da propia tecnoloxía, no sentido de que se está tentando sacar regulamentos e propostas lexislativas en materia climática en liña coas ambicións comunitarias para 2030 e 2050.

Por iso, insistiu na necesidade de afrontar a tramitación destas medidas con “transparencia e confianza” para lograr o apoio da cidadanía e o seu compromiso activo ante un problema común que require de propostas realistas, viables e adaptadas ás necesidades de cada rexión.

Axentes medioambientais e forestais

Por outra banda, a conselleira tamén participou esta tarde na sesión extraordinaria do pleno da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e na que se falou, entre outros asuntos, da proposta de regulación estatal dos corpos de axentes forestais e medioambientais, así como dos bombeiros forestais.

Ao respecto, Ángeles Vázquez subliñou, en primeiro lugar, que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da do Medio Rural, sempre estivo ao carón deste corpo de funcionarios, esencial para o mantemento e conservación da biodiversidade.

Nese sentido, comprometeuse a estudar calquera proposta para mellorar as condicións de traballo do colectivo en Galicia, pero sempre dentro dun escenario de seguridade competencial; o que non semella garantir o anteproxecto presentado polo Ministerio, tal e como coincidiron en sinalar as comunidades participantes na xuntanza.

Por último, a responsable galega de Medio Ambiente fixo fincapé no esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para poñer en valor e apoiar aos axentes, como demostra o acordo asinado a finais de 2018 coas organizacións sindicais e en base ao cal este colectivo incrementou os seus niveis e complementos salariais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/09/2021