O subdirector de Mobilidade de Terras e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro con veciños desta localidade ourensá

A Xunta informa aos veciños de Riós das vantaxes de implementar un polígono agroforestal en Pousada ao abeiro da Lei de recuperación da terra

Segundo a solicitude do Concello, o polígono estaría orientado á plantación de castiñeiros e abranguería unha superficie de 94 hectáreas distribuídas en 663 parcelas de 200 propietarios

A xuntanza buscaba informar a estes titulares das posibilidades de dinamización social e económica que ofrece este instrumento voluntario de recuperación, antes de recoller as sinaturas requiridas para súa posta en marcha

Riós (Ourense), 30 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta anima aos veciños do concello ourensán de Riós a apostar pola implementación dun polígono agroforestal orientado á plantación de castiñeiros no lugar de Pousada, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural veñen de manter un encontro con parte dos 200 propietarios que estarían implicados no proxecto, que abranguería un total de 94 hectáreas distribuídas en 663 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que os polígonos agroforestais son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, grandes superficies de terreo. Así, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha deste polígono agroforestal en Riós. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70 % do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase a acondicionar a zona para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade económica escollida.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 30/09/2021