O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou na inauguración da mostra sobre os restos atopados na cripta do templo

Román Rodríguez destaca os achados arqueolóxicos na Catedral de Santiago como un novo exemplo dunha rehabilitación sobresaínte

Salienta os novos achados da cripta como unha oportunidade para enriquecer a perspectiva da historia e singularidades da Catedral de Santiago

Sinala o Plan Catedrais como a ferramenta para continuar avanzando na posta en valor do patrimonio destes templos, desde a colaboración coas dioceses implicadas

Destaca a unión de forzas que permitiu acometer no templo compostelán “un dos esforzos de conservación recentes máis grandes nun Patrimonio Mundial”

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral, Daniel participaron esta tarde na inauguración da exposición Descubrindo a Catedral. Novos achados arqueolóxicos 2017-2021, na que se amosan os descubrimentos realizados durante a intervención na cripta do templo compostelán. Neste contexto, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor a unión de forzas que permitiu, a través dun convenio de 17M€, acometer “un dos esforzos de conservación máis grandes da historia recente nun Patrimonio Mundial”, o que fai un referente a nivel internacional.

“Hoxe temos ante nós o resultado dun fantástico traballo colectivo –dixo–. Na parte técnica, cun traballo respectuoso ante un ben material, patrimonial e espiritual senlleiro, no que salienta o gran labor realizado desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Fundación Catedral; na parte da xestión, cun consenso firme entre Administracións, Arcebispado e a Fundación Catedral de cara a sumar forzas en prol do monumento”.

Román Rodríguez destacou, ademais, o Plan Catedrais 2021-2027 como a ferramenta “para dotar aos cinco grandes seos galegos dos recursos necesarios para a súa conservación, pero tamén para o seu desenvolvemento”.

“A Catedral de Santiago, así como o resto de grandes catedrais galegas continúan sendo símbolos do noso tesouro patrimonial e non escatimaremos esforzos á hora de protexer, preservar e revitalizar estes lugares”, engadiu o conselleiro, lembrando que o plan busca “integrar aos principais axentes protagonistas na avaliación, supervisión e composición dos traballos a executar”, así como “fortalecer e reforzar o papel que as catedrais xogan dentro do escenario patrimonial galego”.

Máis perspectiva histórica

Respecto dos achados arqueolóxicos, “resultado dun esforzo colectivo”, atopados no transcurso dos traballos de restauración da cripta, o conselleiro sinalounos como unha nova oportunidade para ampliar a perspectiva das historia e singularidades do enclave catedralicio. “Falamos mesmo de restos arqueolóxicos do século X que permiten completar a evolución histórica do templo e que inclúen parte da fachada orixinal, ademais de representacións de santos degolados e do rei Salomón”, explicou.

No transcurso das obras na cripta da Catedral (que consistiron na substitución do pavimento, limpeza de paramentos, carpintería e instalación eléctrica), localizáronse preto dunha trintena de pezas escultóricas pertencentes, moitas delas, ao coro pétreo do Mestre Mateo, aínda que tamén a outras zonas da Catedral sen determinar. Delas, destacan as relacionadas coa degolación dos Santos Inocentes, que pertencerían a un ciclo dedicado á Matanza dos Inocentes descrita no Evanxeo de San Mateo, e que conservan a policromía.

Localizouse tamén unha figura sedente que se identifica co rei Salomón, un fragmento de lauda sepulcral, que sería reutilizada como parte do pavimento nas obras da cripta dos primeiros anos do século XVII; así como varias pezas procedentes do coro do Mestre Mateo, entre elas varias torres do remate das fachadas exteriores do conxunto, representación dos muros da Xerusalén Celeste.

Así mesmo, debaixo dunha parte do pavimento atopouse unha cimentación que percorre todo o ancho da cripta cunha bancada exterior, que podería pertencer a parte da fachada da Catedral en época románica e fragmentos de doelas de arcos que responden ao modelo utilizado no desaparecido claustro medieval da catedral e as súas capelas adxacentes. Tamén se localizaron tumbas, o foso da muralla do século X, construída polo bispo Cresconio, un forno metalúrxico de fundición de campás probablemente coetáneo á construción da Catedral románica, un segundo forno e un pozo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2021