Galicia recibirá 6,4 M€ dos fondos europeos de recuperación para impulsar as sete Reservas da Biosfera

A Xunta disporá de 1,3 M€ para investir nas tres reservas que xestiona directamente e repartirá 2,7 M€ entre os concellos a través dunha nova liña de subvencións

O Goberno do Estado quere constituír un grupo de traballo coas comunidades co fin de fixar criterios comúns para a convocatoria das axudas en cada territorio

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Galicia disporá dun total de 6,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para investir en actuacións e medidas a desenvolver nas sete reservas da biosfera existentes na Comunidade.

Este foi un dos asuntos centrais da última reunión do Comité español do Programa Man and the Biosphere (MaB), celebrada hai uns días de forma telemática e na que participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, en nome da Xunta.

Durante a xuntanza, os representantes do Estado e das comunidades autónomas falaron das oportunidades que suporá este financiamento extraordinario para as 53 reservas da biosfera españolas así como os criterios de distribución das contías asignadas a cada territorio por parte do Estado, un reparto que se concretou o pasado 9 de xullo.

No caso de Galicia, cómpre precisar que a Xunta contará con 1,3 millóns de euros para investir nas tres reservas da biosfera baixo a súa xestión directa —Transfronteiriza Gerês-Xurés; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—, mentres que os xestores das outras catro reservas galegas —Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo— contarán en total con 1,8 millóns de euros.

A este respecto, Belén do Campo propuxo que a distribución de fondos entre os órganos xestores destas catro reservas da biosfera se articule a través da sinatura de convenios con cada un deles, unha consulta que solicitou que trasladase o Estado ante a Comisión Europea para que confirme se sería factible de acordo coas condicións do programa Next Generation.

Así mesmo, a Comunidade galega tamén recibirá 2,7 millóns de euros para financiar un novo programa de subvencións para os 86 concellos localizados nalgún dos sete territorios amparados baixo esta figura, e medio millón de euros para outra liña dirixida, neste caso, a entidades do terceiro sector e comunidades de montes destas zonas.

Co fin de homoxeneizar os criterios a seguir para a execución dos fondos europeos, durante a reunión o Goberno do Estado propuxo constituír un grupo de traballo coas comunidades autónomas con reservas da biosfera. Neste sentido, Belén do Campo interveu para lembrar que o reparto do financiamento reservado a este tipo de territorios foille notificado ás comunidades xa a comezos do pasado verán, no marco da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o 9 de xullo.

Por iso, considerou “urxente” que se concreten canto antes os termos e condicións comúns a aplicar para que os gobernos autonómicos poidan empezar a asignar estes fondos e se poidan traducir en actuacións e investimentos sobre o terreo, tendo en conta, sobre todo, que dispoñen dun prazo máximo dun ano desde a concreción do reparto para elaborar as correspondentes ordes de axudas, convocalas e resolvelas. Do mesmo xeito, instou a o Ministerio a resolver con celeridade todas as consultas e dúbidas expostas pola Xunta con relación a estes fondos.

Os 6,4 millóns de euros asignados ás sete reservas da biosfera de Galicia —que abranguen algo máis dun millón de metros cadrados de superficie e representan, por tanto, preto do 35% do territorio galego—suporán unha boa oportunidade para os concellos, empresas, entidades e poboación en xeral que forman parte das mesmas.

Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado 15 de setembro o Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB proclamou de forma oficial a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense que, grazas á petición expresa da Xunta ante o Goberno central, tamén se poderá beneficiar do financiamento da UE pese á súa recente declaración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/10/2021