A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe no Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021

A Xunta presenta o proxecto piloto que permitirá levar a innovación rural e social a toda Galicia

O proxecto RuralLab para a zona de Ferrolterra nace como precursor das iniciativas de innovación baseadas na participación cidadá que se estenderán ás outras tres provincias galegas

Argerey agradeceu a implicación de expertos en deseño estratéxico e innovación social e colectivos sociais para que a innovación feita en Galicia sexa un vector de impacto na vida das persoas

Ares (A Coruña), 1 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia desenvolverá catro proxectos de innovación social e rural baixo o nome de RuralLab, nos que a participación cidadá será un elemento prioritario. O primeiro deles, que se está a levar a cabo de xeito piloto no concello coruñés de Ares, presentouse hoxe no marco do Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021, un evento que continuará mañá e o próximo sábado día 9 para achegar a cultura da innovación a públicos de todas as idades.

Na apertura do festival, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, expuxo o valor deste tipo procesos participativos como ferramentas fundamentais que están a dar forma á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia para o período 2021-2027, unha iniciativa que será pioneira na incorporación da innovación social como eixe prioritario.

Argerey agradeceu a implicación de expertos en deseño estratéxico e innovación social e dos colectivos sociais de Ares, que estes días están a traballar xuntos para que a innovación feita en Galicia sexa un vector de impacto na vida das persoas.

A directora de Gain lembrou que a RIS3 é unha estratexia de territorio para abordar os grandes retos de Galicia na próxima década, consolidando un modelo de desenvolvemento baseado na investigación e na innovación, cun enfoque no que a dimensión social e a tecnolóxica deben darse a man. Neste contexto, situou o deseño como unha panca indispensable pola súa capacidade para idear solucións desde e para as persoas e desenvolver prototipos que permitan divisar os seus posibles impactos.

A nova estratexia está a deseñar, desde a reflexión compartida, as prioridades de especialización nas que Galicia pode ofrecer unha vantaxe competitiva a nivel global. Ata este momento, recolléronse máis de 600 achegas grazas ás que se están a identificar as tendencias, desafíos, oportunidades, prioridades e obxectivos que se están a contrastar con expertos e que culminarán coa redacción final da estratexia.

A directora de Gain expuxo que as prioridades identificadas de xeito preliminar xiran arredor da transición ambiental en Galicia; a transición dixital e a orientación dos esforzos en I+D+i cara aos retos da sociedade, é dicir, cara ás necesidades das persoas. Neste sentido, insistiu na necesidade de convidar ao conxunto da cidadanía a tomar parte no proceso, como se está a facer estes días a través da reflexión compartida cos colectivos sociais de Ares e como se fará o vindeiro sábado día 9 a través dos talleres e espazos de participación cidadá.

Proxecto RuralLab

O proxecto RuralLab para a zona de Ferrolterra está a ser o fío condutor do festival Ares Innova 2021. Nacido da man da Fundación Didac e da Fundación Gabeiras, esta iniciativa, á que vén de incorporarse a Xunta a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024–Diferenza, conta tamén coa colaboración da Fundación Paideia Galiza, do Ministerio de Cultura e de Medialab Prado.

Ao longo de toda esta semana, un grupo de deseñadores estratéxicos e expertos en innovación social estiveron traballando con colectivos locais nun proceso de descubrimento de oportunidades. Mañá sábado o proceso continuará con varios talleres de design thinking e creación conxunta nos que se reflexionará sobre que lugar pode ocupar o rural no futuro de Galicia, partindo das análises concretas de Ares e Ferrolterra.

Os retos que se están a abordar son, en primeiro lugar, económicos, como o feito de crear emprego e novas oportunidades. O obxectivo é apuntar ideas concretas aplicables ao turismo sustentable, deportivo e relacionado co patrimonio cultural e inmaterial; aos novos negocios dixitais, verdes e de alimentación saudable; e a novas formas de traballo relacionadas co traballo en remoto. Na esfera social, estanse a analizar maneiras novas de relacionarse coa contorna e mellorar a calidade de vida, incluíndo fórmulas para aproveitar o coñecemento dos máis maiores sobre o patrimonio. Por último, no ámbito dos desafíos ambientais, explóranse fórmulas para unha transición desde o modelo enerxético actual a un novo baseado nas renovables, así como o almacenamento enerxético centrado no aproveitamento dos recursos naturais da zona.

Os resultados deste proceso de reflexión colectiva serán presentados o vindeiro sábado día 9 en Ares coincidindo co último día do festival, unha xornada na que a participación cidadá será a protagonista a través de actividades para familias e nenos e nenas.

O programa de hoxe complétase cun debate sobre a innovación para transformar o rural no que participan os deseñadores e expertos Alberto Barreiro, Manuel Vázquez, Patricia Gabeiras e Nuria Alonso, moderados por David Barro. Ademais, Vítor Mejuto presenta a súa exposición de pintura sobre restos escultóricos, Xustiza Ártabra, e o trío musical Napal leva a cabo unha acción performativa innovadora.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/10/2021