Galicia recupera o emprego perdido na covid-19 con máis afiliacións e menos paro que antes da pandemia

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que a comunidade autónoma galega rexistra 1.034.229 afiliados á Seguridade Social e conta con 153.054 parados fronte ás 1.002.624 cotizacións e aos 174.481 desempregados de marzo de 2020

Nos meses que está a durar a pandemia, saíron dun Erte un 94,04% de traballadores, unha proporción maior que a do Estado que se sitúa nun 92,94%

Lado destacou que o mercado laboral de Galicia leva seis meses consecutivos de caída do desemprego na evolución anual, o que sitúa á comunidade no camiño da reactivación económica

A baixada do paro na evolución anual nun -13,32% é a maior de toda a serie histórica de datos (1996) nun setembro

As afiliacións con respecto a hai un ano crecen nun 2,22% e a contratación indefinida e a tempo completo aumenta tanto na evolución anual como mensual

Lado sinala que a transformación dixital é unha oportunidade para o emprego de calidade polo que explica que a Xunta traballa para identificar o antes posible os empregos de futuro e avanza que a Axenda Galega de Capacidades cruzará as necesidades do mercado laboral coa formación para o emprego

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou hoxe que Galicia sitúase no camiño da reactivación económica, xa que o número de afiliacións á Seguridade Social é maior e a cifra de parados no mes de setembro é inferior ao rexistrado ao comezo da pandemia. Así, a comunidade galega conta con 1.034.229 cotizacións e 153.054 parados fronte ás 1.002.624 afiliacións e 174.481 desempregados de marzo de 2020.
Ademais, Galicia acumula seis meses consecutivos de baixada de paro na evolución anual, o que, en palabras de Lado, demostra a recuperación do mercado de traballo, un feito ao que se une a saída de traballadores dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego. A evolución durante os meses que está a durar a pandemia é favorable, xa que neste período (abril 2020-setembro 2021) saíron dun Erte 155.196 traballadores en Galicia, o que supón o 94,04% fronte ao 92,94% do Estado. Así, Galicia conta cunha proporción maior de traballadores que saíron dun Erte.
Con respecto aos datos do paro, máis polo miúdo, na evolución anual, a baixada do desemprego foi do -13,32% (-23.520 persoas), a maior caída de toda a serie histórica de datos (1996) nun mes de setembro, recuperando as cifras de desemprego anteriores ao comezo da pandemia. O paro, ademais, sitúase a un nivel inferior ao reflectido en setembro de 2008, ao inicio da crise económica hai 13 anos. O desemprego descende nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída o sector primario (-19,63%) seguido da construción (-18,71%). A cifra de mulleres desempregadas é, ademais, a máis baixa nun setembro desde 2007 e a de menores de 30 anos a menor de toda a serie histórica (maio 2005). O paro tamén descende nos parados de longa duración.
Con respecto á comparativa co Estado, a baixada rexistrada en Galicia (-13,32%) mantense na media de caída rexistrada no Estado (-13,73%).
En canto á evolución mensual, é un feito habitual que o desemprego aumente no mes de setembro co fin da campaña de verán. Lado indicou, ao respecto, que o único sector económico no que aumentou o desemprego con respecto a agosto foi o dos servizos cunha subida do 1,86%. Pola contra, o paro baixou na construción (-1,49%), no sector primario (-1,12%) e na industria (-0,98%). De feito, a directora xeral salientou que setembro é o único mes de todo o ano no que o desemprego subiu en Galicia, lembrando que no transcurso deste ano descendeu o paro ao longo de 8 meses consecutivos.

Lado, ademais, sinalou que nos últimos nove meses, o desemprego baixou en Galicia nun -19,27% cunha vantaxe de case tres puntos con respecto ao Estado (-16,21%).

Afiliacións e contratos

Con respecto a setembro de 2020, as afiliacións aumentan nun 2,22% (+22.340), retomando a tendencia positiva iniciada en setembro de 2014 e interrompida en setembro de 2020 pola crise sanitaria. A contratación aumenta de xeito xeral, medrando a indefinida (+22,60%) máis que a contratación temporal (+15,60%) en termos relativos e a tempo completo (+7.175 contratos) máis que tempo parcial (+6.156) en termos absolutos. Na evolución mensual, a contratación tamén medrou: a indefinida (+37,13%) máis que a temporal (+19,04%) e a tempo completo (+10.035 contratos) máis que a tempo parcial (+6.416).

Evolución dos Erte

En canto á evolución dos Erte, no mes de setembro rexistráronse en Galicia 4.357 expedientes que afectaron a un total de 9.842 persoas traballadoras, o que supón en termos absolutos un descenso con respecto a agosto de 968 persoas e en termos relativos unha caída do -8,95%.

A directora xeral sinalou que á vista dos datos, “Galicia está no camiño da recuperación e da reactivación económica” con menos paro que ao inicio da pandemia. Sinalou que para seguir nesta senda é preciso continuar apoiando aos sectores económicos máis afectados pola covid-19 e apostar “de xeito decidido” pola formación para o emprego, adiantándose ás necesidades formativas cara aos empregos do futuro. Neste senso, explicou que o Goberno galego traballa para identificar “o antes posible” os empregos de futuro “neste momento de oportunidades” e sinalou a importancia de facilitarlle ao tecido empresarial unha transformación dixital para manter a competitividade no mercado e xerando, ademais, un valor de diferenciación “moi relevante”.

Axenda Galega de Capacidades

Para Lado, a clave está en seguir orientando a formación cara á demanda do mercado laboral e, por iso, apuntou, que Galicia contará cunha Axenda Galega de Capacidades, froito dun gran pacto con axentes sociais, que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación. Indicou que a oferta formativa da Xunta está acorde coa demanda do tecido produtivo, investindo ata 2022 máis de 53,7 millóns de euros para formar a 37.100 persoas desempregadas e ocupadas a través de 2.200 cursos dirixidos a cubrir a demanda do mercado de traballo.
A directora afirmou que, ao mesmo tempo, a Xunta continúa apoiando aos sectores económicos máis afectados pola pandemia e, por iso, destacou que a mediados de outubro lanzarase unha nova convocatoria do Plan de rescate con obxectivo de chegar a máis persoas beneficiarias. Lembrou que pese “aos restritivos requisitos” impostos polo Estado para acceder ás axudas do terceiro Plan de rescate, “queremos esgotar os cartos para que o diñeiro se quede en Galicia”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2021