A Xunta pon en valor o traballo da Policía durante a pandemia para velar pola seguridade e o cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou hoxe na conmemoración e entrega de condecoracións do Día da Policía, que neste ano rendeu homenaxe ao labor dos sanitarios e recoñeceu o traballo do xerente do Sergas, José Flores, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na xestión da crise sanitaria

Alfonso Rueda incidiu no importante papel dos servizos sanitarios, as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencias para combater o virus en primeira liña
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante o acto do Día da Policía o traballo dos axentes durante a pandemia para velar pola seguridade dos cidadáns e garantir o cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19 adoptadas polas autoridades sanitarias.
Na celebración do patrón da Policía tamén se entregaron as condecoracións anuais que, neste caso, tiveron un recoñecemento especial ao labor dos sanitarios durante a pandemia concedéndolle a medalla á directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e ao xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, pola súa implicación coa policía na xestión da crise sanitaria. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.
Na súa intervención, Alfonso Rueda incidiu no exemplo de colaboración que levaron a cabo as forzas e corpos de seguridade nestes meses para garantir o cumprimento das medidas anticovid, así como a súa coordinación coas administracións a través de organismos como o SACOP ou o CECOP para levar a cabo os dispositivos semanais en función dos cambios na normativa.

Por iso, agradeceu o implicación e o traballo de tódolos axentes que permite que Galicia sexa un destino seguro para todos os galegos e galegas e tamén para os visitantes, de xeito que a seguridade supón precisamente un reclamo para os turistas neste Xacobeo 21-22 .

Así aclarou que Galicia é un destino seguro desde o punto de vista sanitario debido á aplicación de tódalas medidas anticovid e á posta en marcha de iniciativas como o seguro coronavirus que permitiron acadar un verán con bos resultados turísticos superando en agosto as cifras prepandemia. Ademais, engadiu que Galicia é un lugar seguro porque é unha das comunidades con menor índice de criminalidade grazas precisamente á actuación policial.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que a Policía ten en 2022 un reto importante para garantir a seguridade no segundo ano deste Xacobeo Dobre no que se agarda un elevado número de turistas e peregrinos coa reactivación do turismo internacional.
Por iso, lembrou que é preciso que o Goberno central reforce as plantillas policiais, incluíndo o cadro de persoal da Policía Autonómica, que se atopa ao 80% con 380 dos 500 efectivos previstos, pese a ter incrementado as súas competencias cos dispositivos relacionados coa covid ou co reforzo da seguridade polo Xacobeo 21-22 e nos Camiños de Santiago.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2021