Un total de 24 beneficiarios recibirán preto de 1,3 M€ da Xunta para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura

Grazas a estas achegas, tanto as asociacións como os particulares poderán facer fronte ás agresións e enfermidades das colmeas e desenvolver outras actuacións de mellora da produción

Como novidade, este ano sufrágase a adquisición de trampas, de atraentes ou doutros métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 24 beneficiarios, entre asociacións e particulares, recibirán preto de 1,3 millóns de euros da Xunta para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), que hoxe publica a resolución da Consellería do Medio Rural que dá conta das persoas e entidades ás que se lles concedeu subvención ao abeiro da orde pola que se establece o réxime de axudas á apicultura neste 2021.

Dita orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

No primeiro caso, era subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se podía financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, incluíanse a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e -como novidade deste ano- a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragando tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.

Na liña da transhumancia, a axuda debía ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contemplábase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación estaban enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado foi pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos.

A convocatoria destas axudas fíxose en réxime de concorrencia competitiva. Así, deuse prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorou que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estivesen en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211005/AnuncioG0426-270921-0004_gl.html

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2021