A conselleira do Mar participou na clausura do encontro do Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa) sobre o impacto da covid-19 no mercado pesqueiro español

A Xunta valora o papel chave da venda dixital dos produtos do mar na competitividade do sector durante a pandemia da covid-19

Os ciclos curtos de produción e comercialización con escasa pegada de carbono grazas ao comercio de proximidade e as novas formas de loxística e das cadeas de subministro son outros factores que contribuíron a manter a actividade do sector marítimo-pesqueiro e que destacou a titular de Mar

Galicia puxo 77 millóns de euros a disposición da cadea mar-industria co plan Avantemar para a dinamización deste sector e co obxectivo de reverter as consecuencias inminentes do coronavirus

Vigo, 6 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o potencial da venda en liña de produtos do mar e o apoio desta modalidade de comercialización á competitividade do sector durante os momentos máis complicados da pandemia da covid-19. Neste sentido, subliñou que a venda dixital neste ámbito medrou un 94% no ano 2020 e que se trata dunha das leccións que permitiron “responder con solvencia a unha sociedade que demandou máis produtos do mar durante a pandemia”.
Así o salientou durante a clausura do encontro organizado polo Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa) sobre o impacto da covid-19 no mercado pesqueiro español e celebrado no marco da XXII Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar.
Outros dos feitos que contribuíron a manter a actividade do sector marítimo-pesqueiro e que salientou Rosa Quintana son os ciclos curtos de produción e comercialización con escasa pegada de carbono grazas ao comercio de proximidade. A isto súmanse, engadiu, as novas formas de loxística e das cadeas de subministro que axudaron a manter activo o labor do mar. Con todas estas leccións, especificou, “podemos considerarnos máis preparados, fortes e competitivos”.
Ademais a conselleira lembrou o plan que puxo en marcha Galicia para a dinamización do complexo mar-industria Avantemar co obxectivo de reverter as consecuencias inminentes do coronavirus. Esta ferramenta de apoio naceu da man do sector e tras realizar propostas conxuntas ante as institucións nacionais e europeas co obxectivo de aportar liquidez e solvencia á cadea mar-industria para garantir a súa sustentabilidade. Con ela a Xunta puxo 77 millóns de euros á disposición deste sector facendo especial fincapé naqueles profesionais que non se beneficiaron das axudas e medidas deseñadas polo Goberno central ao amparo da modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
O plan Avantemar foi desenvolvido tendo en conta as valoracións das afectacións que se podían producir na cadea de comercialización como consecuencia do coronavirus, entre elas a caída das vendas na canle de restauración e hostalaría (Horeca) e na facturación de actividades como o marisqueo a pé. Neste último caso o descenso nos ingresos foi dun 96% desde o inicio do estado de alarma ata mediados de abril de 2020. A demanda internacional tamén se viu afectada polo peche de fronteiras e as dificultades loxísticas no movemento de mercadorías e tripulacións, o que impactou nos prezos da pesca de grande altura, altura e litoral.

A conferencia de Eumofa

A conferencia de Eumofa celebrada baixo o título O impacto da covid-19 e o camiño a seguir e que albergou o posto da Xunta dentro da feira Conxemar contou con diversos expertos para abordar o tema obxecto do evento, entre eles representantes da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e da Pesca da Comisión Europea (DG MARE), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.
Eumofa é unha iniciativa da DG MARE que conta con analistas e expertos na pesca e na acuicultura que fan un seguimento diario do mercado comunitario relativo aos produtos do mar, desde a primeira venda ata a fase minorista, incluíndo importacións e exportacións.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 06/10/2021