A Xunta licita por 277.000 euros as obras que permitirán completar o servizo de saneamento no municipio de Irixoa

Executaranse 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello no mes de xuño, cun investimento de 310.000 euros

Segundo o acordo, a Xunta asume o 80% do investimento, xunto coa contratación e a execución das obras, que teñen un prazo de execución de seis meses

O Concello contribuirá co 20% restante e porá á disposición os terreos necesarios, tramitará as autorizacións precisas e asumirá as actuacións realizadas

A actuación dará servizo a unha poboación de 177 habitantes, que sumada á xa conectada á depuradora, supoñen 242 habitantes para o ano horizonte 2041

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta licitou por 277.000 euros as obras que permitirán completar o servizo de saneamento no concello de Irixoa.

O prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas rematará o 8 de novembro.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en xuño entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, por importe de 310.000 euros, no que se recolleron as actuacións necesarias para impulsar a mellora da rede de saneamento da parroquia de Irixoa, conformada por varios núcleos pequenos de poboación.

A parroquia dispón na actualidade de estación depuradora de augas residuais e un tramo do colector xeral que chega ata a parte central da zona urbana do núcleo, quedando pendente de executar o resto de colectores que conformarán e completarán a rede de saneamento.

Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o 80% do investimento. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses.

Pola súa banda, o Concello de Irixoa contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

A intervención que se acaba de licitar concreta os traballos necesarios para completar a rede de saneamento e establece o desenvolvemento de 5 ramais en tubaxe, que se instalarán nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905.

Segundo o proxecto redactado, esta obra permitirá que as augas residuais recollidas se vertan en dous puntos da rede de saneamento actual que as conducirá ata a depuradora, xa en servizo, e dimensionada para atender a unha poboación de 300 habitantes equivalentes.

Esta nova obra dará servizo a unha poboación de 177 habitantes para o ano horizonte 2041, que sumada á xa conectada á depuradora, supoñen 242 habitantes para o citado ano horizonte.

Data de actualización: 10/10/2021