A Xunta anima á cidadanía de Ferrolterra a colaborar na elaboración da nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia

‘Ares Innova 2021’ pechou esta fin de semana as súas actividades cunha xornada dedicada á participación cidadá, con talleres, exposicións, charlas e faladoiros

Durante as dúas últimas semanas, expertos en deseño estratéxico e innovación social traballaron coa comunidade local para desenvolver o proxecto RuralLab Ferrolterra, destinado a buscar solucións compartidas a retos sociais, económicos e ambientais

Ares (A Coruña), 10 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Ares Innova 2021 celebrou esta fin de semana a súa última xornada, na que a participación cidadá foi a gran protagonista co obxectivo de achegar a cultura innovadora a públicos de todas as idades. A Xunta de Galicia, a través da directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, que se achegou ata Ares o sábado día 9, agradeceu o elevado nivel de asistencia de familias da comarca de Ferrolterra, o que, segundo destacou, demostra o potencial que ten en Galicia a innovación social nacida do compromiso das comunidades locais.

Na xornada desta fin de semana, convidouse aos galegos e galegas a participar de forma activa na elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, facendo achegas no relativo a como a innovación e a investigación poden contribuír a dar resposta aos retos económicos, sociais e medioambientais dos próximos anos.

A cidadanía tivo a oportunidade de ser copartícipe no deseño deste proceso clave para o futuro de Galicia, deixando por escrito as súas ideas nuns paneis habilitados no stand da RIS3; e tamén participando na consulta cidadá da estratexia que segue aberta.

As persoas que asistiron ao evento tamén puideron coñecer de primeira man os proxectos desenvolvidos por cinco empresas galegas que foron beneficiarias de axudas no marco da RIS3 Galicia. Ecocelta Galicia, Frescut, Fiablone, Queixería Prestes e Veigas de Sabugueiro amosaron os seus produtos e servizos innovadores e sustentables nun espazo expositivo aberto á cidadanía.

Con estas actuacións e outras que se están a desenvolver, Galicia quere ser pioneira na incorporación da innovación social na elaboración da RIS3 para o período 2021-2027.

Proxecto RuralLab Ferrolterra

O deseñador Alberto Barreiro inspirou aos asistentes sobre os conceptos de innovación e especialización intelixente do territorio e como poden impactar positivamente no futuro do rural. Estes son precisamente os obxectivos do proxecto RuralLab, que se estivo desenvolvendo estas dúas últimas semanas en Ferrolterra a través de residencias creativas e coa colaboración de numerosas asociacións e colectivos locais.

Esta iniciativa, na que a Xunta de Galicia participa a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024–Diferenza, baséase na busca de solucións compartidas a retos de futuro para as persoas, comezando nesta comarca como proxecto piloto para estender a experiencia e os resultados a territorios das outras tres provincias galegas.

David Barro, da Fundación Didac, e Patricia Gabeiras, da Fundación Gabeiras, foron os encargados de facer balance do traballo realizado estas dúas semanas no marco de RuralLab. Na súa presentación, incidiron na visión compartida que os seis expertos participantes nas residencias creativas puideron construír con asociacións e profesionais da comarca que traballan desde puntos de vista tan variados como a propiedade do terreo forestal, a enerxía, a produción agroalimentaria, o turismo sostible, o patrimonio histórico e inmaterial, a identidade territorial ou os novos negocios dixitais.

Ademais, as familias da comarca traballaron nos talleres maker e de innovación e visitaron a mostra de proxectos de innovación realizados por rapaces e rapazas do colectivo VermisLAB para dar solucións a diferentes problemáticas sociais.

A cidadanía foi tamén protagonista nos faladoiros sobre o futuro do mar e do bosque nos que compartiron ideas con Rita Míguez (Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca), Laurent Ogel (PRAXXIS e A02Velas), Javier García Galdo (Sinerxia Consultora), Eva González (GDR Limia-Arnoia e socia fundadora de Veigas de Sabugueiro), Patricia Gabeiras, Fran García (Asociación Bétula) e Francisco Pedras (Asociación A Monte).

A xornada rematou cunha instalación performativa e actuación escénica urbana a partir dunha acción baseada no debuxo e a tecnoloxía colaborativa, desenvolvida pola artista María Roja.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2021