A Xunta lanza a convocatoria de axudas para o programa de Doutoramento Industrial

A iniciativa, que conta cun orzamento de 1,9M€ no marco do compromiso do Goberno autonómico co talento e o emprego de calidade, está impulsada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Ten como obxectivo favorecer a contratación de 15 estudantes do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos de Galicia para que poidan desenvolver a súa tese

As axudas van dirixidas tanto a empresas e centros de innovación e tecnoloxía como ás universidades galegas e inclúen custos de contratación, así como apoios para estadías no estranxeiro

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de axudas do programa de Doutoramento Industrial, que ten como obxectivo favorecer a contratación de 15 estudantes do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia para que poidan desenvolver a súa tese.

O programa, promovido desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)—, e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, conta cun investimento de 1,9M€ e é unha iniciativa que aposta polo talento e o emprego de calidade.

O persoal investigador debe matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ter un director de tese vinculado a este programa. O proxecto de investigación deberá orientarse cara á resolución das necesidades e problemas concretos dunha empresa ou centro tecnolóxico, favorecendo a investigación colaborativa e os procesos de transferencia de coñecemento, así como a formación da mocidade investigadora e a súa inserción laboral.

As axudas, que se poderán solicitar ata o vindeiro 5 de novembro, están dirixidas tanto a empresas e centros de innovación e tecnoloxía como ás universidades galegas e inclúen os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

O novo programa vén completar as medidas que desde a Xunta se están poñendo en marcha co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación para fortalecer a colaboración entre universidades, empresas e centros tecnolóxicos e permitir a transferencia dos resultados ao tecido empresarial.

Así, destacan o programa Principia que xa leva permitido a contratación de 648 persoas mozas en empresas e organismos de investigación; Oportunius, que axudou a realizar sete contratos a gañadores de axudas ERC; Talento Sénior, que impulsou a contratación de 49 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos;
ou Ignicia, que favoreceu a creación ou mantemento de máis de 120 empregos cualificados grazas ao apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado. Ademais os programas de apoio predoutoral e posdoutoral suman este ano 175 contratos, o que supón a maior convocatoria realizada ata o de agora en Galicia para estes dous programas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/10/2021