O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade mantén un encontro con representantes das industrias creativas para a posta en marcha deste programa

Román Rodríguez anima ao sector a adherirse ao Bono Cultura da Xunta para impulsar a súa actividade

As empresas e entidades interesadas terán un mes, a partir do vindeiro martes día 19, para sumarse á iniciativa, cuxos detalles serán publicados no DOG o luns 18

Mobilizaranse 4M€ entre o sector galego este outono co obxectivo de ser “un revulsivo para a nosa cultura co que favorecer a saída da crise sanitaria”

Os establecementos interesados deben estar dados de alta nos grupos e epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) que se recollerán no DOG

Ofrecerán descontos do 50% en libros, música, películas ou series en formato físico, entradas para museos, cines, concertos ou espectáculos escénicos, entre outras

Os bonos xeraranse a través da web bonocultura.gal, que se habilitará nos próximos días, onde tamén se poderá consultar a relación de establecementos adheridos

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, animou hoxe ao sector cultural a adherirse ao Bono Cultura, o programa da Xunta de Galicia que ofrece descontos en compras ou na utilización de servizos culturais entre o 1 de novembro e o 31 de decembro.

Nun encontro con representantes do mundo editorial, a música, o audiovisual e as artes escénicas, entre outros, Román Rodríguez agradeceu o seu esforzo nestes últimos meses no que a actividade continuou, adaptada a novos formatos, a pesares da pandemia. Agora, ante a mellora da situación sanitaria, cualificou de oportunidade o Bono Cultura, que mobilizará 4M€ entre establecementos e entidades culturais de Galicia. “Queremos que se converta nun revulsivo para o sector cultural galego e nun impulso definitivo para favorecer a saída da crise provocada pola covid-19”, declarou o conselleiro.

Como informou, o vindeiro luns 18 de outubro publicarase no Diario Oficial de Galicia a orde na que se detallarán todos os requisitos avanzados no encontro. Así, as entidades adheridas, cuxos clientes poderán beneficiarse do bono, terán como requisito ser persoas físicas ou xurídicas que se dediquen á venda de produtos e bens culturais en Galicia, centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural (salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións...), así como museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural que ofrezan produtos culturais.

Tamén deberán estar dados de alta nalgún dos preto de 20 grupos ou epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria Bono Cultura que se detallarán no DOG. As empresas disporán do prazo de un mes para inscribirse no programa a partir do martes día 19, trámite que deberán facer desde a web bonocultura.gal, que se habilitará nos próximos días con este propósito.

Deste esta mesma web, e a partir do 1 de novembro, os usuarios poderán descargar o seu bono para consumir nos establecementos e entidades adheridas. En total, poñeranse en circulación un total de 39.000 bonos para residentes en Galicia maiores de 18 anos.

Sen límite de idade

Con esta iniciativa -que conta cun orzamento de case 2M€- cada usuario poderá obter un bono desconto por valor de 50€ para gastar nos establecementos e servizos adheridos á iniciativa. En cada compra, o cliente obterá un desconto do 50%. Ata o 31 de decembro, poderá usar o bono tantas veces como desexe ata esgotar o crédito dispoñible.

Os bonos poderán empregarse para a compra de produtos como música gravada en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos, entradas para calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...) ou para salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

Poderá facerse co Bono Cultura da Xunta calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia. A descarga realizarase a partir do 1 de novembro a través da web bonocultura.gal, que estará habilitará nos próximos días. Desde ela emitirase o bono en formato dixital a través dun código QR. Na mesma web tamén se informará das entidades adheridas. O período de validez dos bonos será do 1 de novembro ao 31 de decembro.

Webinario aberto á cidadanía

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade manterá nos próximos días máis reunións sectoriais para informar a todos os interesados sobre o Bono Cultura e porá en marcha unha campaña informativa entre a cidadanía. Ademais, organizará un webinario aberto a todos os establecementos, servizos e entidades interesados en adherirse. Anunciarase nas redes sociais de Cultura da Xunta, desde onde poderá seguirse.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2021