O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) reuniuse en Roma co presidente da Asociación Italiana de Agricultura Biolóxica (AIAB)

A Xunta estuda vías de colaboración coa Asociación Italiana de Agricultura Ecolóxica para impulsar estas producións

José Luis Cabarcos e os representantes transalpinos abordaron, entre outras cuestións, a posible cooperación en materias como a protección e promoción das variedades autóctonas, as canles curtas de comercialización ou a formación agraria

O representante de Medio Rural resumiu os principais obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria, que xa se está a aplicar por medio de mecanismos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta

Roma (Italia), 11 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta avalía posibles vías de colaboración coa Asociación Italiana de Agricultura Biolóxica (AIAB) para fomentar de xeito conxunto este tipo de producións ecolóxicas, así como para intercambiar coñecementos e experiencias ao respecto. Este foi o principal motivo do encontro de traballo mantido en Roma polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e os máximos responsables deste colectivo, encabezados polo seu presidente, Giuseppe Romano.
A xuntanza serviu para avanzar en liñas de cooperación vinculadas á protección e promoción das variedades autóctonas, ás canais curtas de comercialización ou á formación, entre outras. Así, o responsable da AIAB explicou ao director da Agacal a actividade que vén desenvolvendo esta asociación transalpina para fornecer a diferentes comedores comunitarios con produto ecolóxico, a través da potenciación das canles curtas de comercialización, que se contemplan, ademais, como unha fórmula ideal para mellorar os prezos que perciben os agricultores que traballan en ecolóxico.
Con respecto á formación, ambos responsables coincidiron en cualificar este eido como clave no emprendemento agrario, cara a fomentar a remuda xeracional no medio rural. Neste sentido, o director da Agacal explicou a clara aposta da Xunta por esta materia, que se formaliza nun amplo plan de formación regrada e non regrada, dirixida aos agricultores, gandeiros e silvicultores e especialmente centrada no eido empresarial.
Outro aspecto tratado na reunión foi o do uso da terra. En relación con este aspecto, o representante da Agacal resumiu os principais obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que xa se está a aplicar na nosa comunidade a través de mecanismos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos eles concibidos para poñer en valor e para activar terras en desuso ou infrautilizadas e nos que se contempla a agricultura ecolóxica como unha alternativa produtiva especialmente acaída a esta finalidade.

A Asociación AIAB

A Asociación Italiana Agricultura Biolóxica (AIAB) xurdiu en Turín no ano 1988 para fomentar a agricultura orgánica como alternativa á industrial. É un colectivo de produtores, técnicos e cidadáns consumidores que funciona como unha “rede de movemento orgánico” que representa principalmente os intereses dos produtores ecolóxicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2021