A Xunta investirá 152.300 euros na reforma do Centro de Saúde e PAC de Castro Caldelas

A obra consistirá na substitución integral da cuberta do edificio, o que permitirá rematar coas filtracións e humidades

Castro Caldelas (Ourense), 11 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde e PAC do municipio. O orzamento das obras ascende a 202.300 euros.

Debido ao elevado importe da reforma, neste convenio non se aplica a regra de cofinanciamento ao 50% que adoita rexer os acordos para reformas en centros de saúde de titularidad municipal. Polo tanto, o Sergas aportará 152.300 euros (o 75%), mentres que os restantes 50.000 euros correrán a cargo do concello.

A cuberta do actual centro de saúde e PAC de Castro Caldelas atópase en mal estado, debido fundamentalmente aos importantes vicios construtivos no momento da súa execución.

As obras de reforma consistirán, en primeiro lugar, no levantado de toda a cubrición existente de chapa metálica e vidro nas partes acristaladas, así como no levantado de canles e baixantes existentes. Despois virá a revisión do estado no que se atopa a estrutura portante da cuberta e a súa reparación no caso de que fose necesario. A continuación terá lugar o replanteo de pendentes e colocación de canles, garantindo a súa correcta evacuación cara ás baixantes existentes, ou a proposta de novos puntos de evacuación de auga. Por último, recolocarase a nova cubrición de chapa metálica de dobre capa con illamento intermedio, coa oportuna execución de remates, axustes, pezas especiais e posta en servizo.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Con este convenio para o cofinanciamento das obras de reforma do Centro de Saúde de Castro Caldelas, son xa 14 os convenios asinados neste ano 2021 con este mesmo obxectivo, tralas respectivas sinaturas cos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Palas de Rei, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, Valdoviño, Amoeiro, Rodeiro, Beariz, Vilardevós, Baltar, Maside e Friol, para renovar centros de saúde por un importe total de 937.109.000 euros.

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa Comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 89 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Carballeda de Avia, A Peroxa (Os Peares), Vilamarín, Barbadás (A Valenzá) e Pontedeva. Nesta lexislatura, véñense de poñer en marcha os centros de saúde de Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e xa está licitada a redacción do proxecto para o novo CIS de Ourense. Asinouse, tamén, o protocolo para iniciar a construción do novo centro de saúde en A Rúa.

Ademais, están xa reformados, nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde de A Rúa, Gomesende, O Bolo, Amoeiro, Muíños, Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios e Cenlle, e están xa licitadas as obras de reforma dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Data de actualización: 11/10/2021