A Xunta acondiciona dúas estacións rupestres de petróglifos en Campo Lameiro coas axudas da orde de infraestruturas turísticas para concellos rurais

O delegado territorial, Luis López, supervisa esta mellora acompañado do alcalde, Carlos Costa, e informa da nova convocatoria, dotada con 3,5 M€ e que ten aberto o prazo de solicitude ata o 18 de outubro

A Xunta vai destinar ata 16 M€ no novo paquete de medidas de apoio e reactivación do sector turístico para rematar o ano cunhas achegas superiores aos 120 millóns

A actuación en Campo Lameiro favorece a posta en valor dos coñecidos conxuntos de Chan da Lagoa e Campo de Matabois cun investimento de máis de 20.000€

Campo Lameiro, 11 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, impulsou o acondicionamento e posta en valor de dúas estacións rupestres de petróglifos de alto valor patrimonial no municipio de Campo Lameiro coas axudas da orde de infraestruturas turísticas no medio rural.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía a mellora realizada no Concello de Campo Lameiro acompañado polo alcalde, Carlos Costa, e informou da nova convocatoria, dotada con 3,5 millóns de euros e que ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 18 de outubro.

“Estamos apostando moito pola reactivación, o apoio e a modernización do sector turístico e agora mesmo impulsamos un novo paquete de medidas que conta cun orzamento de ata 16 millóns de euros e no que se atopa esta nova convocatoria, orientada a consolidar a recuperación do turismo nas zonas rurais e que pode beneficiar a ata 37 concellos de menos de 10.000 habitantes da nosa provincia”, explicou o representante autonómico.

Esta orde, orientada a accións de recuperación, mellora da accesibilidade, sinalización e posta en valor de recursos turísticos, é unha liña máis de todas as que Xunta ten previstas para o sector durante o presente exercicio, no que se investirán máis de 120 millóns de euros entre os plans de rescate e as distintas ordes de modernización e mellora.

A actuación realizada en Campo Lameiro xurde dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello ao abeiro da derradeira convocatoria de modernización de infraestruturas turísticas e supuxo un investimento de máis de 20.000 euros que permitíu mellorar o estado das estacións rupestres de Chan da Lagoa e Campo de Matabois.

As obras realizadas centráronse na súa posta en valor con actuacións individualizadas consistentes na rehabilitación de elementos deteriorados, mellora dos accesos e sendas, renovación da sinalización e dotación de elementos de protección que tamén impiden a entrada nos conxuntos rupestres do gando mostrenco. Así, instalaronse novos valados e pasarelas, repuxéronse elementos de madeira, mellorouse a sinalización e procedeuse a limpeza integral a través de rozas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2021