O conselleiro do Medio Rural presidiu esta tarde na Porqueira unha nova xuntanza cos integrantes da Mesa dos Regadíos da Limia

A Xunta destina catro millóns de euros na construcción de 42 novos pozos para mellorar os regadíos da Limia

As comunidades de regantes beneficiarias destas obras son a de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia

Estas actuacións son necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as comunidades de regantes para mellorar este regadío, cunha dotación económica de 15,9 millóns de euros

A Porqueira (Ourense), 11 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, presidiu esta tarde no concello da Porqueira un novo comité de seguimento da Mesa dos Regadíos da Limia. Alí, José González anunciou que en breve comezarán os traballos para a construción de 42 novos pozos para catro comunidades de regantes por un orzamento de case catro millóns de euros.

Así, o titular de Medio Rural indicou que estes 42 pozos serán para os regadíos da comunidade de rega de San Salvador de Sabucedo (con 6 pozos), para a de Lamas Ganade (con 13 pozos), a de Corno do Monte (con 13 pozos) e a de Alta Limia (con 10 pozos). Neste senso, o conselleiro subliñou que os proxectos de regadío comprenden as obras necesarias para a captación de augas subterráneas desde pozos de sondaxe e a súa posterior distribución mediante unha rede de tubaxes enterradas ata cada unha das zonas de rega, de tal forma que os agricultores dispoñan dunha toma de auga próxima aos seus cultivos con caudal mínimo necesario que facilitará os labores de rega e favorecerá un uso máis eficiente da auga.

Ademais, José González trasladou que estas actuacións son necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e ditas comunidades de regantes para levar a cabo o “proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”, o cal conta cun orzamento de 15,9 millóns de euros (o 80% deste orzamento financiado polo Goberno central e o 20% restante polas comunidades de regantes).

No transcurso da xuntanza, o conselleiro do Medio Rural lembrou que o Ministerio destinará outros 12 millóns de euros á limpeza das canles da Limia e dos camiños paralelos ás mesmas, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas para evitar e reducir a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá.

A maiores, José González puxo en valor tamén o Plan extraordinario de reparación de camiños desta comarca, dotado para este ano dun orzamento de 600.000 euros de fondos propios da Xunta. A través deste programa, salientou o conselleiro, prevense reparar un total de 4.718 quilómetros repartidos en 12 concellos, que son utilizados polos agricultores e gandeiros locais. Así, os camiños -ou tramos destes- que sexan prioritarios comezaranse a arranxar este ano e as actuacións que non se poidan executar no 2021 serán obxecto dunha planificación posterior dentro deste plan extraordinario. Polo tanto, o conselleiro subliñou que grazas a esta colaboración institucional -liderada pola Xunta- investiranse 32,5 millóns de euros na potenciación do sector agrario da comarca da Limia, no marco do Plan estratéxico do sector agrario da Limia.

Plan estratéxico

Precisamente, este Plan estratéxico do sector agrario da comarca, promovido pola Xunta, está moi avanzado e prevese rematalo este ano 2021. Coa súa implantación preténdese lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos nesta bisbarra ourensá, reducir a concentración de nutrientes nas augas, xerar emprego e fixar poboación no rural, combatendo así o cambio climático á par que Europa.

Tamén se constituíu a comisión interdepartamental, conformada por representantes do Goberno central e da Xunta. Así, a través desta comisión, preténdese acadar un consenso sobre os cambios lexislativos necesarios para contribuír á mellora da xestión das dexeccións gandeiras e do regadío nesta comarca, con medidas concretas que se poidan incluír no Plan estratéxico cun compromiso de execución a curto, medio e longo prazo.

Ademais, a Xunta está a levar a cabo outras medidas xenéricas que velan polo desenvolvemento sostible do sector primario na Limia, tales como o desenvolvemento da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou o Plan de Pastos, que van permitir o aumento da base territorial das explotacións. E, por último, a Xunta -para optar aos fondos europeos Next Generation- presentou ás manifestacións de interese lanzadas polo Goberno un proxecto tractor para a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2021