O Sergas inicia o novo ciclo de conferencias sobre Benestar Emocional dirixidas ao persoal da Sanidade

Enmarcadas dentro do desenvolvemento do “Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia de covid-19”

Daniel Álvarez Lamas, profesor de coaching, será o encargado de impartir a conferencia titulada “Os 5 segredos para desfacerte do estrés”

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Servizo Galego de Saúde inicia hoxe, ás 18:30 horas, o novo ciclo de conferencias no marco do “Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na Pandemia de covid-19”, que versarán sobre distintas temáticas relacionadas co autocoidado e benestar emocional.

Nesta ocasión, o encargado da conferencia que leva por título “Os 5 segredos para desfacerte do estrés”, será Daniel Álvarez Lamas, conferenciante nacional e internacional que escribiu varios libros a partires da súa experiencia co coaching de vida, os equipos e a comunicación.

No transcurso desta sesión, que será emitida en directo pola canle de Youtube de ACIS, coñeceremos que é posible a exposición a situacións de alta exixencia e non desenvolver tensión ou estrés, sempre que cada persoa coñeza o seu talón de Aquiles emocional e as cinco claves para xestionar o estrés. Así mesmo, explicarase como a saúde emocional é un aspecto clave para dar o mellor desde a nosa mellor versión.

A esta conferencia sumaranse outras tres que tratarán sobre liderado e equipos saudables, resiliencia e felicidade e a autorregulación emocional. Este novo ciclo, programado ata decembro deste ano, está dirixido aos 44.000 traballadores e traballadoras do Sergas e entidades adscritas.

Ademais, na primeira quincena de xaneiro de 2022 e co obxectivo de continuar “Coidando o noso benestar emocional” e afondar nos coñecementos adquiridos nestas conferencias, están programados catro cursos derivados das mesmas na modalidade de autoformación que estarán a disposición dos profesionais da nosa organización sanitaria.

Data de actualización: 13/10/2021