O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria

A Xunta convoca para o día 25 de outubro as probas de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

Os exames realizaranse na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago, cumprindo coas medidas de prevención fronte á covid-19

As probas efectuaranse por quendas, en xornada de mañá e de tarde, segundo o tipo de exame a renovar ou obter

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas de transportes de mercadorías perigosas a designación de conselleiros coa formación adecuada e o procedemento de avaliación correspondente

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se convocan o vindeiro día 25 de outubro as probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

Estas probas realizaranse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, cumprindo coas medidas de prevención fronte á covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información.

As probas efectuaranse por quendas, en xornada de mañá e de tarde, segundo o tipo de exame a renovar ou obter: para todas as clases ou segundo sexan materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, detalladas na resolución da convocatoria publicada no DOG o pasado día 11 de agosto.

Exixencia de certificado

Cómpre lembrar que a Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.

Data de actualización: 13/10/2021