A Xunta impulsa unha orde para clarificar e axilizar o acceso de grupos organizados ao Parque Nacional das Illas Atlánticas

A futura norma, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, sométese a consulta pública previa desde hoxe e ata o vindeiro 11 de novembro

O obxectivo é completar a regulación marco establecida no propio Plan reitor de uso e xestión deste espazo natural no relativo ao procedemento para visitas grupais

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda traballa na elaboración dunha orde reguladora do sistema de acceso de grupos organizados ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O obxectivo da Xunta con esta norma —que desde hoxe e ata o vindeiro 11 de novembro someterase a consulta pública previa— é o de clarificar, simplificar e á vez axilizar o réxime a aplicar para este tipo de visitas.

Neste sentido, cómpre precisar que o marco normativo que se aplica nestes momentos para regular o acceso de grupos organizados aos arquipélagos é o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional.

Despois de verificar o seu bo funcionamento e estado de madurez, a Xunta considera que é o momento axeitado para proceder ao seu desenvolvemento, tal e como se prevé no propio PRUX, a través dunha disposición regulamentaria específica sobre o procedemento a aplicar no caso das visitas de grupos organizados ás Illas Atlánticas.

O obxectivo, por tanto, é elaborar unha orde clara, eficaz e transparente, que facilite tanto á Administración como aos propios interesados instrumentos áxiles para acadar unha regulación óptima do procedemento de acceso destes grupos ao Parque Nacional.

Deste xeito, búscase posibilitar a compatibilidade entre a protección e o acceso dos visitantes a un espazo que, dado o seu carácter insular, se realiza a través de empresas navieiras, o que motivará igualmente respectar nesta futura regulación a liberalización do sector do transporte marítimo imposta pola normativa comunitaria.

En definitiva, co sometemento á exposición pública da futura orde reguladora iníciase un procedemento necesaria coa fin de garantir a seguridade xurídica nesta materia.

Acceso específico na plataforma de autorizacións

A tramitación desta nova orde virá complementar as melloras introducidas recentemente na páxina web habilitada hai tres anos pola Xunta para poder solicitar as correspondentes autorizacións de acceso ao Parque Nacional.

Así, cómpre precisar que a Consellería implementou unha nova funcionalidade nesta plataforma para grupos con guía —os únicos aos que o PRUX permite acceder en tempada baixa—, accesible só para as navieiras a través dunha clave de acceso.

Deste xeito, son as propias empresas que xestionan as rutas en barco ás Illas Atlánticas —tanto aquelas que en tempada alta se ocupan do transporte regular como as navieiras pequenas que operan nesta mesma zona— as que se encargan de formar os grupos, contratar e identificar o guía acreditado que os acompaña e tramitar a correspondente reserva, introducindo os datos dos asistentes para poder obter os códigos QR de acceso.

Neste sentido, as achegas que se reciban no marco da exposición pública da orde de acceso para grupos ao Parque Nacional serán valoradas pola Consellería e poderán incorporarse tanto ao texto normativo como ao propio sistema de xestión de autorizacións que acaba de habilitarse para as navieiras se se considera que poden contribuír a mellorar o procedemento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/10/2021