A Xunta licita a concesión dunha área de servizo na autovía AG-53, entre o Alto de Santo Domingo e a A-52, cuxas obras suporán un investimento de máis de 3 M€

O contrato licitado hoxe inclúe a construción das instalacións, que contan cun prazo de execución de 12 meses, así como a xestión durante un período de 35 anos

A área situarase na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750, con acceso desde ambas as dúas marxes da vía

A área de servizo, que prevé a creación de 7 postos de traballo, estará constituída por unha edificación que contará no exterior con 3 dispensadores de combustible, 3 puntos de recarga eléctricos e subministro de auga e aire para vehículos

O edificio atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina

A área estará dotada con 30 prazas de aparcadoiro para os distintos tipos de vehículos e anexa ao edificio disporase dunha zona de xogo e esparexemento, cun parque infantil

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta licita a concesión dunha área de servizo na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas (A-52), cuxas obras suporán un investimento de máis de 3 millóns de euros.

O contrato licitado hoxe inclúe a execución das obras da citada área de servizo, que contan cun prazo de 12 meses, así como a xestión das instalacións durante un período de 35 anos. As empresas interesadas neste contrato contan ata o día 22 de febreiro para presentar as súas ofertas.

Segundo a intervención deseñada pola Xunta, trátase da creación dunha zona destinada á área de servizo, que se situará na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750. A dita área contará con acceso desde ambas as dúas marxes, para prestar servizo a ambos os dous sentidos de circulación.

Na actualidade están executados os carrís de aceleración e desaceleración da autoestrada, parte dos accesos, así como unha glorieta na marxe dereita e o paso superior que permite conectar a área coa marxe dereita. Ademais, a superficie destinada á área de servizo encóntrase sen arboredo nin vexetación na súa maior parte e conta con zonas nas que xa se levou a cabo certo grao de explanación.

Características da área de servizo

A futura área de servizo, que prevé a creación de 7 postos de traballos (4 a tempo completo e outros 3 con dedicacións parciais), estará constituída por unha edificación que contará no exterior con tres dispensadores de combustible, tres puntos de recarga de vehículos eléctricos de tipo carga rápida e un equipo de subministración de auga e aire para vehículos.

O edificio atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina.

Prevese a dotación de 30 prazas de aparcadoiro: 15 para vehículos lixeiros, 3 para o aparcadoiro e repostaxe de vehículos eléctricos, 1 praza reservada para as persoas con mobilidade reducida e 11 para camións e autobuses.

Tamén se disporá unha zona de xogo e esparexemento, cun parque infantil, anexa ao edificio.

As actuacións completaranse co alumeado de vías, zonas de tráfico e áreas de estacionamento da área de servizo.

Data de actualización: 13/10/2021