A décimo novena edición do Festival de Cine Árabe Amal celebrarase na última semana deste mes co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta o apoio do Goberno galego pola reactivación do sector cultural con iniciativas novidosas como o Bono Cultura

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia renova a súa colaboración coa Semana de Cine Euroárabe AMAL, cuxa décimo novena edición foi presentada hoxe nun acto no que interveu o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, xunto a Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney e organizador do evento e representantes institucionais.

Na súa intervención Anxo M. Lorenzo destacou a ampla traxectoria desta cita audiovisual xa consolidada, así como o esforzo organizativo que supuxo a súa adaptación ás condicións de seguridade esixidas pola pandemia en 2020. “Agora, nun escenario moito máis favorable, aínda que sempre respectando as medidas e sen baixar a garda en ningún momento, non dubidamos do éxito desta cita que inaugura a activade cultural de outono”, sinalou.
A 19 edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL arrancará o luns 25 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Durante toda a semana -ata o venres 29- proxectaranse cinco filmes a razón dun por día.

Compromiso coa reactivación cultural

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a aposta do Goberno galego pola reactivación do sector cultural a través de iniciativas específicas como o Bono Cultura, con descontos do 50% en compra de produtos ou servizos culturais (como entradas de cine, teatro, concertos, acceso a museos ou merca de libros, videoxogos ou discos, entre outros) entre o 1 de novembro e o 31 de decembro. Segundo explicou, trátase dunha iniciativa que vai destinada a todos os públicos sen límite de idade.

O secretario xeral de Cultura da Xunta lembrou que este Bono Cultura é unha das accións do Plan de reactivación cultural posto en marcha ao inicio da pandemia e que non deixou de ampliarse desde entón.

Data de actualización: 13/10/2021