O Salón Teatro de Santiago acolle o ciclo de espectáculos en lingua portuguesa ‘Quintas do Camões’

Organizado polo Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta, en colaboración co Centro Cultural Português do Camões

Haberá funcións das montaxes Rottweiler, Odilia e No límite da dor os días 14, 21 e 28 de outubro, respectivamente
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle todos os xoves deste mes o ciclo de espectáculos en lingua portuguesa Quintas do Camões, organizado polo Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Xunta, e a sede de Vigo do Centro Cultural Português do Camões. Haberá tres funcións que se desenvolverán os días 14, 21 e 28 de outubro ás 20,00 horas. As entradas están xa á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes o mesmo día das funcións desde dúas horas antes.

O Centro Dramático de Viana/Teatro do Noroeste, de Viana do Castelo, abrirá mañá este novo programa coa obra sobre a manipulación informativa Rottweiler, do dramaturgo Guillermo Heras. A peza é interpretada por Alexandre Calçada e Tiago Fernandes, con dirección de Ricardo Simões.

A vindeira semana, o día 21, será a quenda de Odilia, de Teatro Viriato, de Viseu. Este espectáculo-lectura dramatizada, con texto e imaxes de Patrícia Portela e interpretado por Célia Fechas, conta a historia de Odilia, unha musa confusa que se presenta a unha entrevista de traballo para tarefas inspiradoras.

O peche porao na xornada do 28 Lendias d’encantar, de Beja, con No límite da dor, baseado no libro homónimo de Ana Aranha e Carlos Ademar. O espectáculo quere apelar ao non esquecemento do pasado e mostrarlles ás xeracións de hoxe a dor vivida polos presos políticos do Estado Novo, na defensa do seu ideal de xustiza e loita por un mundo e unha sociedade mellores. Está interpretado por António Revez con dirección de Julio César Ramirez.

O ciclo Quintas do Camões enmárcase no aposta do Centro Dramático Galego por estreitar a colaboración entre as artes escénicas de Galicia e Portugal, como vía para reforzar a identidade común. A iniciativa diríxese tanto ao alumnado que está a aprender portugués como ao público en xeral que estea interesado na lingua e na cultura lusas.

Esta liña de acción deu lugar tamén á coprodución da unidade teatral da Xunta coa Companhia de Teatro de Braga A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, conmemorativa do 350º aniversario do texto escrito por Gabriel Feixoo de Araúxo e estreada no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro o pasado verán.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/10/2021