A selección galega de para-karate adestra coa nacional durante a súa estadía na Agasp grazas ao convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte

A selección galega de para-karate conta neste intre con tres deportistas: Iván Pazos (discapacidade intelectual), Marcos Movilla (discapacidade física) e Cristy Tojo (discapacidade visual) que ademais é deportista galega de alto nivel

Santiago, 13 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A selección galega de para-karate vén de participar na concentración da selección nacional na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) de cara á preparación do Campionato do Mundo de Dubai, que terá lugar do 11 ao 23 de novembro.
A estadía da selección española de para-karate na Agasp desde o venres 8 de outubro ata o domingo 10, foi posible grazas á sinatura do convenio de colaboración asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte para poñer a disposición das federacións deportivas galegas as instalacións da Agasp para levar a cabo as concentracións das seleccións ou para facer labores de tecnificación e seguimento de deportistas de categorías base ou de formación. O acordo foi asinado en maio de 2018 e, neste intre, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Agasp negocian para prorrogar o mesmo ata 2024.
En total, a delegación española estivo conformada por 28 persoas entre deportistas, técnicos e sanitarios. Sete dos seus deportistas contan con medallas internacionais, acadadas no Campionato de Europa de Croacia celebrado en maio e a selección, no seu conxunto, ocupa o número un no ránking mundial.
A selección galega de para-karate conta neste intre con tres deportistas: Iván Pazos (discapacidade intelectual), Marcos Movilla (discapacidade física) e Cristy Tojo (discapacidade visual) que ademais é deportista galega de alto nivel.
A posibilidade de adestrar con selección española de para-karate supón unha gran oportunidade para o para-karate galego que amosa un gran crecemento nos últimos anos e confirma a decidida aposta da Secretaría Xeral para o Deporte polo deporte adaptado e inclusivo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/10/2021