A Xunta destina 6 M€ a accións de dixitalización e márketing dixital na hostalería para afondar na reactivación do sector turístico

O delegado territorial, Luis López, informa desta nova orde nunha visita ao Hotel Rías Bajas de Pontevedra, que recibíu unha achega de case 30.000€ ao abeiro da anterior convocatoria para a modernización das súas instalacións

A nova liña de axudas, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 25 de outubro, oriéntase á instalación de software de xestión hoteleira, servizos de fidelización e captación de clientes, adquisición de equipamentos tecnolóxicos, páxinas web e sistemas de control do teletraballo

Pontevedra, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai destinar 6 millóns de euros en accións de promoción de dixitalización e márketing dixital orientadas principalmente á hostalería co obxectivo de seguir afondando na reactivación do sector turístico e contribuír á súa recuperación tras as necesarias restriccións derivadas da crise da covid-19.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova orde nunha visita ao Hotel Rías Bajas de Pontevedra, que recibíu unha achega de case 30.000 euros para investimentos centrados na modernización das súas instalacións ao abeiro da anterior convocatoria para a mellora das infraestruturas e dos aloxamentos turísticos.
“Seguimos impulsando accións de mellora da competitividade para o sector turístico co obxectivo de superar os 120 millóns de euros en achegas no presente exercicio, xa que sabemos que son inxeccións moi importantes para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os estándares de calidade dun sector económico fundamental, que se está a recuperar grazas ao esforzo de todos para consolidar a Galicia no destino de moda e de referencia en España e Europa no que se converteu nos últimos meses”, manifestou o representante autonómico.
Esta nova liña, que ten aberto o seu prazo de solicitude ata o 25 de outubro, forma parte dun lote de axudas de case 16 millóns de euros no que se inclúen tamén as ordes de adquisición de equipamentos post-covid para hostalería (6 millóns), de apoio ás axencias de viaxes (350.000 euros) e de infraestruturas turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes (3,5 millóns).
A convocatoria para axudas á dixitalización do sector turístico ten por obxecto a instalación de software de xestión hoteleira para organización e programación de áreas (PMS) e coñecemento das demandas dos clientes (CRM), o financiamento de produtos e servizos de márketing para a fidelización e captación de clientes, accións vencelladas ás paxinas web corporativas, a adquisición de equipamentos tecnolóxicos que confiran seguridade sanitaria ou os gastos derivados dos sistemas de control do teletraballo.
As subvencións, que poden alcanzar ata o 100% do investimento cun límite de 15.000 euros, oriéntanse a hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento, restaurantes, bares ou aos autónomos, pemes e micropemes do sector da hostalería que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e estean inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT).

Investimento no Hotel Rías Bajas

Tras informar desta nova orde, o delegado da Xunta en Pontevedra realizou unha visita polas instalacións do Hotel Rías Bajas, xestionado pola empresa Matías de Cabo e Hijos SL, para supervisar as melloras financiadas polas anteriores ordes de modernización do sector impulsadas polo Goberno galego. O establecemento realizou un investimento de case 100.000 euros que recibíu unha achega autonómica do 30%.
Ao abeiro desta actuación, que tiña uns parámetros e fins diferentes aos da actual orde, o hotel pontevedrés, con máis de medio século de historia, renovou a súa instalación eléctrica, instalou un moderno sistema de detección de lumes, incrementou os sistemas de conexión e enchufes para atender as novas demandas dos clientes, colocou tarima frotante nas habitacións das súas catro plantas, renovou as televisións e mellorou a súa accesibilidade cunha plataforma elevadora.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021