A Xunta impulsa no Courel o Festival Eidos de Outono, ao que achega 49.500 euros no marco do Xacobeo 21-22

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que responde a unha nova iniciativa do Goberno galego para contribuír á reactivación da actividade empresarial e artística no sector musical

Subliñou que a cita conxuga música, poesía e natureza neste concello turístico lucense

Lugo, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación en Lugo do festival Eidos de Outono, que se celebrará en Folgoso do Courel e conta cunha achega de 49.500 euros da Xunta de Galicia. Tamén interviñeron a alcaldesa do municipio, Lola Castro; o secretario da Fundación Uxio Novoneyra, Uxío Novo; Xaime Casas, director de Eidon Música -promotora do evento-, así como dúas das artistas confirmadas, Uxía e Wöyza.

Arias explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia colaboran nesta medida extraordinaria de apoio ao sector musical no marco da programación conmemorativa do Ano Santo. A iniciativa pretende reactivar a actividade empresarial e artística neste ámbito, e recuperar a programación cultural en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico, como é o caso de Folgoso do Courel.

O festival desenvolverase entre os días 30 de outubro e 1 de novembro na Praza do Concello de Folgoso e na sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. Mestura músicas de vangarda, poesía e natureza, e contará coas actuacións citadas de Uxía e Wöyza & The Galician Messengers xunto co grupo Califato 3/4, Rodrigo Cuevas, Babykatze, Sila Lua, Marta Toro e Xabi B.

Igualmente, está prevista unha lectura de Os Eidos. O libro do Courel, de Novoneyra, máis un roteiro de avistamento de aves co biólogo Xabier Vázquez Pumariño.

Este evento, que cumpre a súa segunda edición, é a extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando no verán dende 2015 no Courel; “esperamos que esta nova proposta se consolide tamén como un referente no ámbito cultural da provincia”, afirmou Arias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021